DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Alumnado do Grao en Educación Infantil e Primaria asiste a un curso sobre recursos lúdico-didácticos

Trucos para unha clase 'animada'

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
Bea Feijóo DUVI 26/11/2012

Porque ensinar non é incompatible coa diversión, alumnado do Grao en Educación Infantil e Primaria decidiu ampliar a súa formación cun curso práctico “sobre recursos e estratexias baseadas no xogo, no descubrimento, na educación en valores ou no respecto polo medio ambiente”, explica Olalla Pérez, responsable do obradoiro. Tras varias sesións, os futuros mestres foron quen de iniciarse na técnica da globofexia, de maquillaxe ou no deseño de complementos, disfraces ou piñatas “co propósito de desenvolver metodoloxías que convertan as clases nun espazo animado”.

Este curso, que xa celebrou a súa segunda edición, conta cun grande éxito de matrícula, “consecuencia do seu contido eminentemente práctico” co que o alumnado aprende a manipular materiais básicos “que en ocasións descoñecen e que van a empregar posteriormente nas aulas”. Como aclara a propia profesora do taller, os estudantes amósanse “soprendidos e agradecidos” coas posibilidades plásticas dos materiais aos que lles buscan utilidade para o seu futuro labor docente. “Moitos dos asistentes comezan en breve as súas prácticas nas escolas e intentaron absorber todo o que se lles formula para poder aplicalo”, comenta Olalla Pérez.

A nivel pedagóxico, o obradoiro proporciónalle ao alumado “de tal xeito que os nenos e nas aprenden os contidos pero con metodoloxías baseadas no xogo, no descubrimento, no respecto…”. Igualmente, no transcurso do curso empregouse unha metodoloxía activa e participativa, traballando en parellas e grupos “para que a clase sexa máis enriquecedora e ao mesmo tempo a poidan usar posteriormente como profesores nas súas aulas”.

Decoración con globos, cursos de maquillaxe, manipulación de todo tipo de papeis, deseño de disfraces e piñatas con materiais de reciclaxe foron algúns dos exercicios levados a cabo polos asistentes que tamén adquiriron material complementario, como unha bibliografía actualizada con exemplares relacionadas coa temática do curso, así como un listado de páxinas web onde poder consultar usos innovadores coa aplicación das novas tecnoloxías na súa profesión.