DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Unha investigación de Eva Rodríguez analiza o impacto económico da caza maior en Ourense

O turismo cinexético pon o punto de mira na primeira liña do sector

O seu traballo foi un dos elixidos por REDINTUR para a súa publicación na revista 'Estudios Turístic

Etiquetas
  • Ourense
  • Investigación
Rosa Tedín DUVI 25/01/2012

O seu perfil é o dun home de entre 41 e 50 anos, con estudos universitarios e que traballa por conta propia, que se aloxa en casas de turismo rural con unha media de tres acompañantes e durante case tres días. É o turista cinexético, aquel que visita a provincia de Ourense principalmente movido pola súa afección a cazar. A investigadora Eva Rodríguez vén de analizar as súas características e o seu impacto económico na contorna nun traballo que pola súa calidade e novidade foi un dos elixidos pola Rede Interuniversitaria de Posgraos en Turismo REDINTUR para a súa publicación na revista especializada Estudios Turísticos.

“O turismo cinexético é unha actividade relativamente nova en Galicia, pois ata hai pouco tempo a caza estaba considerada unha actividade de ocio vinculada ao medio rural e un produto moi secundario na oferta turística”. Por este motivo, explica Eva Rodríguez, escolleu o tema da caza para a realización do seu traballo de fin de mestrado en Turismo na Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo de Ourense.

Segundo os datos que manexa a investigadora, a caza en Galicia xerou en 2009 un volume de negocio de arredor de 94 millóns de euros, cun investimento anual medio por cazador de 1750 euros. Na tempada 2009-2010 expedíronse na comunidade autónoma máis de 52.000 licencias, un 96% a cazadores galegos e un 4% a foráneos. Con estes datos de referenza, Rodríguez realizou unha enquisa entre usuarios deste tipo de turismo para coñecer o perfil das persoas que se achegan ata Ourense para o exercicio da caza e para valorar o impacto socio-económico que xeran.

Os resultados apuntan a un home, con unha idade comprendida entre os 41-50 anos, español, con estudos universitarios e que traballa por conta propia. Sabe da actividade de caza polo dono da explotación, saca unha media de 3 licencias ao ano, o seu principal motivo de viaxe é cazar e faino cun grupo de tres persoas. O principal factor á hora de elixir destino é a recomendación de amigos e familiares, habitualmente pernocta en aloxamentos rurais unhas 2,54 noites e realiza un gasto medio de 77 euros por noite.

Pensando no futuro

En este contexto, a investigadora advirte de que a situación actual do mercado obriga a pensar nun produto turístico diferenciado e de calidade baseado no aproveitamento sostible dos recursos naturais, como é o monte e as especies cinexéticas. “O obxectivo para o sector consiste en derivar cara a nosa provincia parte do fluxo de cazadores-turistas que se desprazan a outras comunidades para participar de estas actividades e que xeran un turismo de certo nivel adquisitivo”, explica Rodríguez.

No seu estudo a investigadora chama a atención sobre a necesidade de que os axentes turísticos colaboren para que a caza, especialmente a caza maior, se converta nun produto diferenciado. “O problema que existe agora é que se considera un subproduto turístico. Ofértase o turismo cinexético como unha actividade secundaria para un turista que acompañando a outros realiza escapadas esporádicas para participar en unha xornada cinexética”, apunta. O prantexamento, explica, tería que ser á inversa, que o turismo cinexético fose a estrela principal dun paquete turístico que á súa vez ofertase aloxamento e actividades de entretemento o suficientemente atractivas para todos os participantes da viaxe.

Tras este traballo, a investigadora agarda agora a súa publicación na revista especializada do sector Estudios Turísticos, do Instituto de Estudos Turísticos da Secretaría Xeral de Turismo e Comercio Interior. “A súa publicación é un motivo de especial satisfacción para min pois o traballo foi elixido despois de que pasara unha preselección entre 19 traballos de diferentes universidades españolas e despois de acudir a Barcelona para a súa presentación á comisión de REDINTUR”, explica a autora do traballo.