DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Elisa Alén afonda nas características deste sector nunha conferencia no campus de Ourense

O turismo sostible é unha moda pero non pasaxeira

No marco dun curso sobre Dereito, desenvolvemento e medio ambiente

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 28/03/2012

Elisa Alén é a decana da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo de Ourense. Pero, ademais deste cargo institucional, é especialista na área do turismo e por este motivo foi a encargada este mércores de falar no campus da sostenibilidade neste sector. Fíxoo no marco dun curso sobre dereito e medio ambiente e co obxectivo último de facer conscientes aos asistentes de que a aposta por un turismo sostible é unha moda, por estar en pleno apoxeo, pero non é unha moda pasaxeira, pois é unha necesidade irrenunciable.

A súa conferencia dá continuidade ao Curso sobre Dereito a un Medio Ambiente Axeitado, Desenvolvemento Urbanístico e Económico e Protección dos Sectores Vulnerables que se imparte ata o 30 de marzo no campus de Ourense baixo a coordinación do profesor Roberto O. Bustillo. Durante os seis días de conferencias, expertos do ámbito académico e profesional ofrecerán aos asistentes unha perspectiva multidisciplinar sobre a relación entre a protección do medio e o desenvolvemento nunha iniciativa que conta coa colaboración da Vicerreitoría do campus de Ourense, a Concellería de Medio Ambiente de Ourense e a Cátedra Carlos Casares da Universidade de Vigo.

Conciencia no empresario e no consumidor

“O turismo sostible está de moda pero non debería ser unha moda pois é o único futuro posible para o sector e para a sociedade”, salientou Elisa Alén durante a súa intervención. A decana da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo explicou como a sostenibilidade neste eido se fundamenta no desenvolvemento económico equilibrado e no respecto dos visitantes e das empresas turísticas ao medio ambiente e á cultura da sociedade de acollida.

Como exemplos de novas iniciativas que se están levando a cabo neste eido, a docente destacou o caso dun hotel en Viena que acadou o consumo enerxético cero, é dicir, que a través da recollida da auga, dun xardín e horta propios, de paneis solares e doutras iniciativas similares é autosuficiente enerxeticamente. Outras iniciativas empresariais deste tipo citadas durante a conferencia foron, por exemplo, un buscador web que informa dos hoteis en función da súa aposta pola sostenibilidade, sendo este un criterio a maiores dos tradicionais á hora de elixir hospedaxe, ou a proposta dunha cadea que mingua a pegada ecolóxica dos seus hóspedes con respecto a outras empresas.

Ademais das propostas que faga no futuro a industria turística, Elisa Alén apuntou a importancia de que sexa o propio consumidor “o que tome conciencia da necesidade de realizar un turismo sostible” e de que empregue este criterio como un parámetro importante á hora de decantarse por un ou por outro produto.