DUVI

Diario da Universidade de Vigo

11 estudantes de doutoramento expoñen nunha xuntanza o contido das súas teses

Twitch, Instagram... As redes sociais espertan o interese das novas xeracións de investigadores en Comunicación

O encontro desenvólvese este xoves e venres na Facultade de Filoloxía e Tradución

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Congresos e xornadas
  • Divulgación
  • Investigación
D. Besadío DUVI 07/07/2022

Coa aparición de Instagram a imaxe converteuse na reina das redes sociais, pero nos dous últimos anos o auxe de Twitch e o asentamento de Tic Tok, impulsaron os vídeos, sobre todo o vídeo en streaming. A comunicación avanza e a universidade non é allea a todo este movemento, tal e como se está a demostrar este xoves e venres nas VIII Xornadas de doutorandos/as en Comunicación, un encontro no que 11 estudantes explican ao público interesado as temáticas nas que afondan as súas teses de doutoramento, investigacións que xiran en torno aos dous grandes ámbitos sobre os que xira o Programa de Doutoramento en Comunicación: comunicación e tradución.

A apertura das xornadas, presencial na Facultade de Filoloxía e Tradución e retransmitida en directo a través do Campus Remoto, correu a cargo da directora do programa, a catedrática Aurora García, quen fixo fincapé na diversidade dos temas abordados ao longo destes dous días e no seu elevado interese para o desenvolvemento da ciencia e da propia sociedade. “Temos que ser conscientes de que a temática dunha tese non depende do capricho dun doutorando, senón dos intereses dun equipo de investigación”, salientou a docente da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, quen tamén fixo fincapé en que un dos principais retos da investigación é “dar resposta aos problemas do noso tempo”, e esta é a tarefa á que, segundo salientou, se están a aplicar todos estes doutorandos e doutorandas. “Os traballos teñen unha finalidade e a través deles e como se fai avanzar a ciencia”, recalcou a docente.

Afondando no despegue de Twitch durante a corentena

O programa de intervencións arrancou coa comunicación do investigador Alejandro Cerqueira, quen está metido de cheo na elaboración dunha tese de doutoramento que se centra en estudar o fenómeno de Twitch, a plataforma de retransmisión en directo –live streaming- máis grande do mundo, nun marco temporal moi específico, de marzo a xuño de 2020, coincidindo coa corentena sanitaria decretada en España por mor da pandemia. 

“O obxectivo da miña tese é estudar se realmente durante ese momento se produciu un desenvolvemento notable da plataforma ligado á corentena, tal e como parece indicar o interese mediático que espertou e o forte incremento no seu uso”, explica o investigador. Desde o seu punto de vista o boom desta rede social non significa o detrimento doutras, senón que simplemente serán complementarias. “Aínda que Twitch entra no mundo das plataformas, como poden ser Instagram , Tic Tok e outras redes sociais como Twitter, ten unhas particularidades que veñen motivadas pola propia natureza da plataforma que fan que sexa un universo en si mesmo”, recalca Cerqueira, ao que engade que estas particularidades fan que estea “máis preto do universo das plataformas de streaming SVOD, tipo Netflix, ou de Youtube, pero cun compoñente persoal, pola relación co creador, o que fai que se converta nunha especie de realidade en si mesma”, salientou Cerqueira.

De media en media hora cada investigador foi expondo, un a un, o tema central da súa investigación. Tras Cerqueira, Drágana Djordjevic explicou que, no seu caso, a tese afonda na retórica dos influencers ou líderes de opinión públicos españois con máis de 250.000 seguidores en Instagram durante a lexislatura de Pedro Sánchez. 

Forte presenza internacional nun doutoramento con 56 persoas matriculadas

Na actualidade o programa de doutoramento en Comunicación da UVigo conta con 56 persoas matriculadas, das que unha elevada porcentaxe son investigadoras e investigadores internacionais. “Temos un altísimo número de estudantado que vén doutros países, fundamentalmente Portugal, pero tamén de América Latina e Reino Unido e isto débese aos contactos e vínculos que o profesorado do programa temos  con institucións e universidades deses países”, explica a profesora Ana Mª Pereira, coordinadora das xornadas xunto ao profesor Joan Miquel Vergés, docentes ambos do Departamento de Tradución e Lingüística.

Nesta edición agrupáronse os relatorios nos dous grandes ámbitos do programa de doutoramento coa idea de favorecer un maior debate e intercambio de ideas. “Aínda así, pensamos que, sen ningunha dúbida, hai relatorios dun ámbito moi interesantes para aqueles que se inscriben no outro”, recalca a docente. A maiores participan tamén nas xornadas dúas persoas recentemente doutoradas, unha no ámbito da comunicación e outra no da tradución, que comentarán a súa experiencia no paso polo programa, así como en que consistiu a súa investigación e como fixeron, e están a facer, a transferencia da mesma. “Finalmente, contaremos coa presenza da directora técnica da Oficina de Relacións Internacionais, Amelia Rodríguez Piña, e do director da Escola Internacional de Doutoramento, Antonio Pino, que darán información valiosísima con respecto a convocatorias Erasmus para doutorandos e posdoutorados, tipos de teses e cuestións prácticas sobre o seu procedemento”, engade a profesora Ana Pereira.