DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Cun monográfico de literatura

O último número da revista Hesperia homenaxea o decano da Facultade de Filoloxía e Tradución 

A publicación recibiu recentemente o selo de calidade Fecyt

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Publicacións
  • Investigación
Mª del Carmen Echevarría Figueroa DUVI 10/10/2023

Logo de dedicar o número do ano 2022 ao docente e investigador Antonio Rifón, o equipo responsable da revista Hesperia homenaxea, desta volta, no número correspondente ao 2023, ao decano da Facultade de Filoloxía e Tradución, José Montero Reguera. “Como mentores e amigos era importante para o novo equipo de Hesperia, que neste momento está formada por min e polas editoras Ana Varela Suárez e María Méndez Santos, facer esta homenaxe”, explica a docente, investigadora e actual directora da revista, Susana Rodríguez Barcia.

Rocío Hernández Arias coordina a  sección monográfica do número 26.1 de Hesperia que homenaxea a José Montero a través da literatura, un recoñecemento que o decano da FFT asegura “foi unha sorpresa que aínda hoxe me ten moi emocionado. Antonio Rifón máis eu deixamos a revista hai xa tempo e a nova dirección, antigas alumnas e excelentes colegas, quixo facernos un agasallo por sorpresa”. Xunto á introdución, na que Hernández refírese a “Pepe, como o coñecemos popularmente” como “unha figura constante e inseparable da historia da FFT, como tamén o é de Hesperia, esta revista que, grazas ao seu empuxe e ao seu esforzo, tomou un novo rumbo da man do actual equipo de redacción”. 

Este último número complétase cunha entrevista con Isabel Lozano Renieblas, presidenta de honra da Asociación de Cervantistas, e novas achegas ao redor da obra de Cervantes.Na miscelánea inclúese ademais, un artigo de lexicografía de Ivo Buzek e outro sobre formas nominais de tratamento na comunidade LGTBI. “Tratamos de manter a tradición e engadir novas perspectivas”, explica a directora da revista.

Selo de calidade Fecyt 

Coincidindo coa publicación do último número de Hesperia, a revista recibía o selo de calidade Fecyt, “o maior recoñecemento nacional e internacional”, sinala Susana Rodríguez Barcia, que considera este recoñecemento “máis prestixio para as publicacións periódicas da Universidade de Vigo e que máis investigadoras e investigadores teñan interese en publicar na nosa revista”. 

O selo, “polo que tanto traballamos”, asegura a directora de Hesperia, recoñece unha serie de ítems que miden a calidade da revista en distintas dimensións como a internacionalización, o proceso de avaliación por pares, regularidade, transparencia… “Por resumir, valora a calidade da publicación e permite que teña mellor indexación”, sintetiza Rodríguez Barcia.