DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Cada mes inclúe unha suxestión de lectura ou formación

A Unidade de Igualdade amosa no almanaque de 2024 “un mundo de homes”

Pon o foco na necesidade de construír novas masculinidades que deixen atrás os modelos patriarcais

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Igualdade
  • Institucional
DUVI 18/12/2023

«Se o feminismo foi a gran revolución do século XX, o cambio do home podería ser unha das máis importantes revolucións sociais do século XXI». Con esta afirmación de Victoria Sau en Nova(s) paternidade(s) arranca o almanaque que a Unidade de Igualdade deseñou para o 2024, doce meses marcados por un mundo de homes, os homes que son e os homes que poderían ser.

Cada páxina de cada mes vai precedida dunha reflexión sobre a masculinidade hexemónica ou patriarcal “construída por e para beneficiar aos homes, por máis que este estereotipo cada vez ten máis detractores que elixen non exercer o poder nas súas relacións e renunciar aos privilexios patriarcais”. Ademais, en cada mes inclúese unha suxestión de libros, artigos, series ou formación. Páxina a páxina esta publicación ofrece información e reflexións sobre o patriarcado, as masculinidades transculturais, a masculinidade normativa, a masculinidade bélica, o backlash antifeminista, o impacto do machismo nos homes, a percepción da violencia de xénero entre a xuventude ou a construción de masculinidades feministas. Pero tamén hai espazo para poñer en valor a aqueles homes que si se implicaron na defensa dos dereitos das mulleres e loitaron pola igualdade entre xénero.

Ademais, o almanaque inclúe un código QR que permite acceder a unha serie de audios "realizados por expertos en masculinidades, por docentes, por persoal de administración e servizos e por alumnado da nosa Universidade", como explica a directora da Unidade de Igualdade, Águeda Gómez. A modo de podcast, xunto con membros da UVigo tamén participan outras persoas destacadas do mundo da cultura galega e doutros sectores, como Francisco Castro ou Josua Mateo, co fin de establecer unha comunicación de "home a home", de homes feministas a outros homes, falando dos diversos tipos de masculinidades posibles.
 
As persoas interesadas en obter un exemplar do almanaque poden recollelo nas conserxerías das facultades, escolas e centros a partir de mañá martes e ata esgotar existencias e, a maiores, tamén está dispoñible en formato pdf na web da Unidade de Igualdade.