DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A escola colabora no proxecto Ashmelt, que definirá a calidade das cinzas para a súa combustión

A Unión Europea alíase coa EE Forestal para potenciar o uso enerxético da biomasa

A universidade viguesa é a única do sur de Europa que participa en esta iniciativa internacional

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Investigación
Bea Feijóo DUVI 26/01/2012

Máis de 15 anos de experiencia no eido do aproveitamento enerxético foron suficientes para que a Unión Europea tomase como referencia as achegas científicas do grupo de investigación de Biomasa da Escola de Enxeñaría Forestal, encabezado polo profesor Luís Ortiz. Este equipo de investigadores participou esta semana no arranque do proxecto europeo Ashmelt, a través do que a Unión Europea pretende potenciar o uso das enerxías renovables. En este encontro, que tivo lugar na sede de Bioenergy2020 en Austria, estiveron os principais expertos internacionais en este eido e “a universidade viguesa é a única do sur do continente que forma parte de este plan”, sinala Daniel Vega, un dos integrantes da iniciativa.

O proxecto Ashmelt botou a andar este mércores e durante os seus tres anos de vixencia tentará definir un novo sistema de clasificación da calidade de biomasa para as caldeiras domésticas de pellets. Como explica Vega, “este plan nace polas necesidade de que empresas produtoras deeste tipo de caldeiras conten con métodos normativos para predicir o risco de aglomeración das cinzas na combustión”, cuestión clave para conseguir a confianza de potenciais clientes, sobre todo en España e Portugal, “que son grandes exportadores en este sector”.

Definir un sistema para cada tipo de biomasa

Este programa ten como obxectivo establecer un sistema de referencia que marque cal é a tecnoloxía máis adecuada para cada tipo de biomasa e poder desenvolvela como fonte de enerxía no mercado. “Hai caldeiras que só poden con estelas de boa calidade, outras poden queimar restos forestais ou mesmo resto de podas, cáscaras ou residuos agrícolas”, exemplifica o investigador. Por iso é clave facer unha clasificación fiable da biomasa que fixe o equipamento idóneo para a combustión máis apropiada de cada produto. De este xeito, este proxecto achegará un coñecemento efectivo e de gran utilidade para as pemes europeas de biomasa “proporcionándolle solucións innovadoras e facilitándolles o contraste das distintas tecnoloxías empregadas”.

Expertos de primeiro nivel

Para o proxecto Ashmelt a Unión Europea decidiu contar cos principais expertos internacionais no campo do aproveitamento enerxético da biomasa. Así, participan as prestixiosas universidades de Ümeo e Lümeo, ao norte de Suecia; os centros austríacos de I+D BTL e Bioenergy 2020; o órgano xermano de investigación TFL, “referencia centroeuropea no testado de caldeiras de biomasa”; e referentes líderes na investigación en combustión doméstica de biomasa do centro e norte de Europa. A este corpo de expertos hai que engadirlle os investigadores da Universidade de Vigo, que veñen avalados “polos excelentes resultados en programas recentes como no proxecto europeo Domoheat”.

Na xuntanza todos os expertos destacaron o potencial europeo en biomasa, unha fonte de enerxía pola que países como Alemaña, Austria ou Suecia xa están a apostar firmemente. Sen embargo, como aclara Vega, o caso español é ben diferente, xa que “a nosa capacidade de produción de bionerxía está lonxe de ser aproveitada”. O grupo de Biomasa da Universidade de Vigo sostén que esta fonte de enerxía podería converterse nun sector estratéxico e situar a España na cabeza de unha nova economía con posibilidades de combater a crise enerxética e competir no mercado global de carbono. "Na nosa nación, que ten un enorme problema de incendios por acumulación non controlada de masa forestal, con unha necesidade de creación dun tecido empresarial en industrias innovadoras e de potenciar novos postos de traballo, a biomasa pode ser unha resposta”, conclúe Vega. A única barreira, o descoñecemento dos potenciais beneficiarios “e o inmobilismo da administración”.