DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Miguel Ángel Nombela, director da Área Estudantes e Deportes:

“A Universiada sería un enorme logro tanto a nivel deportivo coma cultural”

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
D. Besadío DUVI 24/10/2007

Miguel Ángel Nombela, decano durante anos da Facultade de Ciencias do Mar, desempeña agora o cargo de director da Área de Estudantes e Deportes, un órgano creado co obxectivo, entre outros,de actuar de enlace entre os estudantes e a administración universitaria.

Cal é o seu principal cometido como director de área?
Hai moitas veces que os alumnos non saben onde acudir para resolver as súas inquedanzas, carecen de punto de referencia no que canalizar inquietudes ou problemas máis alá da Oficina do Valedor do Estudante. A miña labor céntrase en tratar de canalizar esas cuestións e buscar a dirección de área, sección ou vicerreitoría, máis pertinente para poder chegar a bos resultados. Hai que ter en conta que moitas cuestións afectan a varias áreas ou vicerreitorías a un tempo e é importante que haxa alguén que poida coordinalo todo.

 De que tipo de asuntos estamos a falar?
Pois, por exemplo, algo que xa logramos: a apertura nocturna das bibliotecas. Este é un asunto que afecta á Biblioteca e, como tal, á Vicerreitoría de Investigación, pero tamén a Persoal e, polo tanto, á Xerencia... Outro asunto no que estamos a traballar, tamén moi horizontal, é o transporte, a idea é reactivar unha comisión mixta que hai entre Concello de Vigo e Universidade para o seguimento do convenio que permite sufragar parte do custe do billete do autobús, ademais demos xa resposta á vella reclamación de que se coloquen unhas marquesiñas na Praza de España.

É un traballo dirixido á resolución de problemas moi concretos...
Non sempre, outra das cuestións importantes na que debo participar é no desenvolvemento duns regulamentos de estudantes e de exames que, con todos os cambios que se nos presentan relacionados co Espazo Europeo da Educación Superior, ten especial relevancia. Trataremos de facer algo no que todos os estamentos se sintan a gusto.

Tradicionalmente os estudantes son pouco dados á participación nos órganos de goberno, tomarase algunha medida neste senso?
É unha cuestión que nos preocupa e que afecta de xeito xeral á universidade española. Entre outros temas estamos barallando a posibilidade de que as eleccións á Xunta de Facultade se celebrasen dunha forma conxunta en todos os centros, o que facilitaría que a Universidade puidera facer campañas dirixidas a activar a participación dos estudantes.

Ata o de agora falou de estudantes, pero a súa área abarca outro aspecto...
Deportes. Neste senso o meu labor é tratar de conseguir todo o posible para a mellora do servizo, se ben é un equipo de traballo que leva anos funcionando e que xa está moi consolidado.

Algún aspecto a potenciar?
O programa de Deporte e Saúde. Para nós é básico fomentar a idea de que a actividade física é unha forma de mellorar a saúde e é un valor engadido á práctica deportiva. Ademais, marcámonos como reto tratar de achegar ás mozas o uso das nosas instalacións deportivas, xa que agora hai unha proporción moi desigual neste aspecto, pois pese a haber moitas máis alumnas ca alumnos, son eles os que máis se achegan ata aquí.

Este curso hai un desafío, a Universiada, como se afronta?
Con toda a ilusión, pois hai que ter en conta que é o segundo evento máis importante despois das Olimpiadas.
Estamos participando, xunto co concello, na elaboración do proxecto que presentará a Vigo como cidade candidata a Universiada do 2013 ou 2015. É un tema que conta cun respaldo social moi amplo, por tanto, o inicio é xa moi bo.

Que suporía a súa consecución?
Un enorme logro tanto a nivel deportivo coma cultural. Por citar un exemplo moi concreto, pero bastantes claro, falarei das infraestruturas. A celebración dun evento deportivo deste tipo traería consigo unha importante mellora tanto nas propias instalacións deportivas coma nos accesos ao campus, así como a construción de novas edificacións.
Non nos podemos esquecer que falamos da reunión de arredor de 12.000 deportistas de 128 países, polo que a convivencia deses días tamén vai ser importante, sobre todo pensando no tema do enriquecemento cultural.

Xa de xeito xeral, márcase algún reto persoal con este cargo ...
No referido a deportes, conseguir o aumento do número de membros da comunidade universitaria que fagan actividades deportivas aquí e, en canto aos estudantes, transmitir confianza e que me vexan máis como alguén próximo ca coma un xestor.