DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No 2010/2011 máis de 700 estudantes cursaron parte dos seus estudos no estranxeiro

A Universidade acada cifras históricas de participación de alumnado en programas de intercambio internacional

O alumnado doutros países nos tres campus incrementouse o curso pasado máis do 9%

Etiquetas
  • Vigo
  • Estudantes
D. Besadío DUVI 26/03/2012
No 2010/2011, 704 estudantes da Universidade de Vigo cursaron parte dos seus estudos no estranxeiro e, ao tempo, os campus de Vigo, Ourense e Pontevedra foron o destino elixido por 515 alumnos e alumnas doutras nacionalidades para levar a cabo as súas estadías internacionais. Son algúns dos datos que se recollen na memoria do curso pasado da Oficina de Relacións Internacionais, un documento cargado de cifras “nas que se reflicte que a universidade viguesa sigue a liña de crecemento continuo en ambos tipos de mobilidade”, subliñou o vicerreitor de Relacións Internacionais, Manuel Fernández Iglesias, que fixo tamén fincapé en que, pese ao contexto de profunda crise económica, a Universidade segue a incrementar o seu nivel de internacionalización, “algo que se está a acadar grazas a participación en novos proxectos europeos e a apertura de novas vías de cooperación con países e institucións non comunitarias, especialmente de América Latina e Asia”.

O programa Erasmus segue concentrando a maioría das accións de mobilidade da Universidade cara ao estranxeiro, pero é significativo o aumento progresivo no número de estudantes que se benefician das convocatorias de bolsas propias, algo que se está a producir, a xuízo do vicerreitor, grazas aos novos convenios bilaterais tramitados pola ORI e os centros da Universidade de Vigo e á xestión de fontes de financiamento externas.

Italia segue a ser o destino predilecto, seguido de preto por Portugal e Alemaña

No que a mobilidade de estudantes propios se refire o programa Erasmus segue a ser a opción maioritaria. Dos máis de 700 alumnos e alumnas desprazados o curso pasado, 648 fixérono a través do programa Erasmus; 13 no marco do programa ISEP de mobilidade cos Estados Unidos e 48 a través das bolsas propias da Universidade de Vigo, onde se inclúen estancias sobre todo en universidades iberoamericanas pero tamén en destinos como Australia, Suíza ou Taiwan.

Esta tendencia á alza foi algo gradual e curso a curso as cifras fóronse incrementando. Dos 214 estudantes da Universidade enviados ao estranxeiro a través do programa Erasmus no curso 2001/02, pasouse aos 648 actuais. “É fundamental que os nosos estudantes acaden unha formación que lles permita competir nun mercado laboral global, fortemente competitivo e esixente”, recalcou neste senso o vicerreitor.

En referencia aos destinos, a tendencia mantense curso tras curso e Italia consolídase como a opción favorita do alumnado da Universidade, de feito 119 dos estudantes que partiron dos campus no marco do programa Erasmus elixiron este lugar para realizar as súas estadías. Portugal (91), Alemaña (88), Francia (69) ou Polonia (48) son outros destinos clásicos que se unen a outros menos habituais pero que cada curso gañan máis adeptos: República Checa (37), Bélxica (25), Eslovaquia (18) ou Finlandia (18) son algúns exemplos.

No que a mobilidade de estudantes se refire, dende a ORI destacan tamén o despegue do programa de prácticas Erasmus, no que o curso pasado participaron 35 estudantes da Universidade. Reino Unido, Portugal, Francia e Alemaña foron os destinos favoritos para realizar unhas estadías que tiveron unha duración media de 4,3 meses e polo que percibiron unha bolsa mensual de 320 euros, ademais das axudas complementarias do Ministerio de Educación e da Xunta de Galicia.

Veñen por seis meses e, sobre todo, no 1º cuadrimestre

Á hora de facer balance, se importante é coñecer ás cifras de mobilidade dos campus cara outros lugares, non menos relevantes son as cifras de estudantes e persoal estranxeiro que cada curso visita os nosos campus “un indicador clave para valorar o grao de internacionalización dunha Universidade”, subliña Fernández Iglesias. Nesta liña, a universidade viguesa potenciou o curso pasado a recepción de estudantes de todas as nacionalidades, chegando a xestionar a estadía dun total de 515 estudantes estranxeiros, o que representa un incremento do 9,34% fronte ao curso anterior.

Destes máis de 500 estudantes estranxeiros, 156 optaron por estadías anuais, 193 cursaron estudos no primeiro cuadrimestre e 166 no segundo, “o que reflicte a tendencia actual entre o alumnado estranxeiro de solicitar estadías internacionais de seis meses e principalmente no primeiro cuadrimestre”, subliñou o vicerreitor.

O campus de Vigo foi o destino principal da maior parte deste alumnado internacional, 389 estudantes elixiron esta opción, un 6,9% máis ca no curso anterior; pero os incrementos tamén se fixeron notar en Ourense e Pontevedra, que acolleron a 58 e 68 estudantes respectivamente.