DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Como pioneira no uso desta tecnoloxía de telepresenza

A Universidade acreditará a calidade de todas as salas AccessGrid de España

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
M. Del Río DUVI 24/10/2007

Como pioneira no uso da tecnoloxía AccessGrid para congresos e reunións a distancia, a Universidade de Vigo acaba de ser designada para acreditar a calidade deste tipo de salas en España. A calidade das tres coas que conta a institución será o patrón a seguir polo resto das máis de 20 salas do estado.
AccessGrid é un sistema de videoconferencia avanzada que entra “dentro dos sistemas que se deron en chamar telepresenza”, explica Vicente Goyanes, responsable de UvigoTv. Esta universidade foi pioneira en España na incorporación de AccessGrid grazas ao proxecto Torganet e á axuda tecnolóxica do Centro de Supercomputación de Galicia. A elección da institución como certificadora de calidade, confirma esta posición de vangarda. “Tivemos un madrugador inicio no emprego deste sistema, o que nos permitiu acumular un amplo número de horas de uso”, subliña Goyanes.
Con este sistema créase unha sensación de telepresenza xunto con outras salas de tecnoloxía similar repartidas polo mundo, pero a calidade conxunta depende da calidade que atesouren cada un dos participantes. Esta vai ser a labor que a Universidade desenvolverá a partir de agora, acreditando a calidade das salas de AccesGrid de toda España e certificando que teñen pasado un control mínimo.
A multiplicación de congresos e reunións a través de salas AccessGrid trouxo consigo a creación dunha base de datos de salas de todo o mundo que queren facer pública a súa existencia e nesa lista recóllese cales delas están acreditadas. “Agora empeza a haber eventos internacionais nos que se xuntan un bo número de salas, pero esíxese unha calidade mínima, solo participan os que teñan pasado un control de calidade”, subliña Goyanes.
Das seis salas galegas das cales tres pertencen á Universidade. “A sala do campus de Vigo está xa saturada, polo que temos previsto abrir en breve dúas novas”. Unha vez que comece o proceso de acreditación de calidade, o número de salas semella que vai medrar ata acadar 35 no territorio nacional, xa que no vindeiro ano só en Andalucía vaise estrear unha en cada universidade.

Vigo será o patrón a seguir

Para acreditar a calidade das salas xurdiron dúas iniciativas a nivel internacional. Dende Reino Unido, a Universidade de Manchester puxo en marcha un sistema de control de calidade, pero que afecta unicamente ás salas do país.
A Universidade de Queensland, pola súa banda, creou un programa a nivel mundial. “Comezaron eles mesmos certificando a calidade de salas por todo o mundo, pero co tempo propuxeron facelo por áreas xeográficas”, explica Goyanes. A Universidade de Vigo, como pioneiro no uso desta tecnoloxía, foi elixida para testear as salas españolas. “Para acadar este nomeamento, a sala do campus de Vigo tivo que pasar uns controles moi exhaustivos xa que vai ser o patrón co que se van confrontar outras salas a nivel nacional”. Segundo Vicente Goyanes, “para nós isto supón un importante recoñecemento de que estivemos apostando por esta tecnoloxía case dende o primeiro momento”.

Método de traballo

A avaliación céntrase nos sistemas fundamentais da sala: a estabilidade de funcionamento, a calidade do son e calidade do vídeo. Nunha conexión, o fallo en algún aspecto dunha das salas pode arruinar todo.
Para realizar os controis, as dúas salas deben conectarse entre si. “Sabes que a túa sala está ben porque foi testeada cun patrón en Australia” e, en base a ela, faise unha batería de probas, compróbanse os erros e propóñense accións correctivas.

O sistema AccessGrid

O sistema AccessGrid é unha tecnoloxía de telepresenza baseada en software libre, pola que apostan, sobre todo, os organismos públicos, universidades e centros de investigación. Segundo comenta Vicente Goyanes, “toda unha parede da sala é unha pantalla e ten ata catro cámaras e múltiples micrófonos, proporciona un salientable sensación de telepresenza”. Na actualidade, dende a Universidade estanse facendo arredor de 1500 horas anuais de sala conectada.