DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Adhírese así á iniciativa internacional de WWF

A Universidade apagarase o sábado coa Hora do Planeta

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
M. Del Río DUVI 24/03/2010
Se en 2009 preto de mil millóns de persoas se adheriron á Hora do Planeta, a organización deste apagón solidario agardan que nesta nova edición, este sábado 27 de marzo, a cifra aumente. A Universidade de Vigo será unha das novas entidades que se unen á iniciativa de WWF, polo que este sábado os edificios dos tres campus permanecerán a escuras de 20.30 a 21.30 do serán. Empresas, cidadáns particulares, institucións públicas, cidades apagarán as luces contra o cambio climático e en demanda cun crecemento máis sostible. Segundo a organización, este é o evento climático máis grande da historia, xa que na pasada edición se uniron na escuridade 4159 cidades de 88 países, incluíndo 73 capitais e 9 das 10 cidades máis poboadas do mundo.
Con tal motivo, a Oficina de Medio Ambiente da Universidade de Vigo comprometeuse coa campaña na que, segundo explica a técnica Carmen González-Vallés, “só participan outras tres universidades españolas, a Complutense e a Autónoma de Madrid e a Universidade Politécnica de Zaragoza”. Xunto con elas, sustentan a Hora do Planeta compañías tan importantes como Siemens, Procter & Gamble, Microsoft, Canon, Bank of America.
A idea, baixo o lema Apaga a luz, ilumina o futuro, é apagar durante unha hora as luces dos edificios e monumentos máis representativos das cidades como símbolo de loita contra o cambio climático. Así, quedaron a escuras na pasada edición por exemplo, as pirámides de Giza, o Cristo Redentor de Brasil, Times Square, o Coliseo ou a Torre Eiffel e, en España, a Alhambra de Granada, a Cibeles ou a torre Agba de Barcelona con catro millóns de cidadáns implicados e 200 cidades. ”Agora tamén o farán os campus de Vigo, Ourense e Pontevedra” apunta González-Vallés que explica que, “tratándose dun sábado non suporá problemas importantes para a comunidade universitaria”. O compromiso da OMA con WWF comprende tamén a difusión desta iniciativa entre alumnos e traballadores da Universidade, “para que a mensaxe chegue tamén ás súas familias, máis aló do eido académico”.

Obxectivo: a loita contra o cambio climático

A finalidade de WWF coa Hora do Planeta é chamar a atención da cidadanía sobre a problemática do cambio climático coa vista posta nun futuro “tratado mundial ambicioso, xusto e vinculante sobre o clima para reducir as emisións de carbono, despois dos decepcionantes resultados do Cumio de Copenhague. Para WWF este é un apagón simbólico, pero conscientes da verdadeira importancia que teñen determinados símbolos, xa que calquera cidadán pode apagar o interruptor e colaborar e implicarse. Pero a loita da ONG é moito máis ampla, xa que ten un compromiso para salvar os hábitats e especies máis ameazadas do planeta, incluíndo tigres, rinocerontes, elefantes e osos polares. Dende o seu punto de vista, a ameaza máis inminente represéntaa o cambio climático, que ameaza con desfacer os grandes progresos realizados na conservación das rexións e animais máis importantes e ameazados do mundo.