DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No marco dun convenio de colaboración asinado este xoves por Salustiano Mato e Francisco Rodríguez

Universidade e Concello de Ourense crearán un sistema integral de información das termas

O proxecto será realizado polo Grupo de Investigación en Xeotermia e Hidroxeoloxía

Etiquetas
  • Ourense
  • Investigación
Rosa Tedín DUVI 31/05/2012
O 11 de maio presentouse no campus de Ourense o seu proxecto de futuro, o Campus da Auga, nado co obxectivo de aproveitar os recursos da Universidade de Vigo e da contorna para crear valor económico e social a partir da marca estrela de Ourense, a auga. Entroncando con esta liña de especialización, este xoves o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, e o alcalde do Concello de Ourense, Francisco Rodríguez, asinaron un convenio de colaboración para a realización dun proxecto de investigación sobre o modelo hidroxeolóxico do xacemento termal da cidade. Froito deste traballo, que realizará o Grupo de Investigación en Xeotermia e Hidroxeoloxía, crearase un sistema completo de información xeográfica que permitirá ás institucións dispor dunha ferramenta para mellorar a xestión, a planificación e a protección deste ben cada día máis prezado.

“Coa especialización do Campus da Auga buscamos pór en valor as potencialidades de Ourense e da súa comarca e o termalismo, que ten como epicentro a auga, é unha delas e nesa liña vamos a traballar”, apuntou Salustiano Mato durante a sinatura do convenio. O reitor explicou que esta colaboración no eido investigador reforza “a alianza estratéxica da Universidade de Vigo co Concello de Ourense”, que comparten o obxectivo conxunto de traballar para darlle valor estratéxico e engadido aos recursos hídricos dispoñibles na provincia. Na mesma liña, Francisco Rodríguez apuntou que este convenio “é un froito máis desa vontade de colaboración entre as dúas institucións” e das “súas estreitas relacións”. O alcalde da cidade de Ourense salientou ademais que o estudo proporcionará “un instrumento que permitirá coñecer os xacementos e as súas características e facilitará a toma de decisións sobre que actuación levar a cabo con eles”.

Cada manancial ao detalle

Concretamente o Concello de Ourense comprométese con esta iniciativa a achegar á Universidade de Vigo 70.000 euros, fondos financiados con cargo a un convenio da administración local co Instituto de Turismo de España Turespaña para o desenvolvemento de investimentos vinculados ao Plan Estratéxico Termal. Un equipo de catro persoas do Grupo de Investigación en Xeotermia e Hidroxeoloxía, dirixido por Pedro Araújo, decano da Facultade de Ciencias de Ourense, será o encargo de realizar ata o mes de setembro “un sistema de información xeográfica completo, onde se vai a plasmar de xeito gráfico e de doada consulta toda a información que dispomos sobre as augas termais de Ourense”, tal e como salientou Araújo.

Entre outras tarefas, os investigadores realizarán o recoñecemento, a identificación, o emprazamento e a toma de datos de cada manancial e determinarán as súas caracterización físicas e químicas. O equipo tamén realizará a descrición da rede xeotérmica do Concello de Ourense, a identificación do emprazamento dos principais puntos de contaminación e a definición dun modelo hidroxeolóxico e de zonas de sensibilidade termal.

O sistema xeográfico que agrupará e valorizará toda esta información permitirá aos seus usuarios ter datos precisos das características de cada manancial, con cifras de lonxitude, temperatura, composición, niveis de contaminación, etc. Nesta aplicación, dixo o decano da Facultade de Ciencias, confluirá toda a información dispoñible sobre o xacemento termal de Ourense e os froitos do traballo investigador que leva realizando o seu grupo ao longo dos últimos anos. Será unha ferramenta versátil, apuntou o responsable do estudo, que permitirá transmitir todo o coñecemento dispoñible sobre as termas da cidade.