DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os suecos Billie the vision and the dancers subirán o pano o vindeiro día 21

A Universidade consolida o seu papel de dinamizador cultural cunha programación de estreas estatais

Berrogüetto, no concerto de Nadal acompañados por Carmen París e as pandereteiras de Cantigas e Agar

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
M. Del Río DUVI 13/10/2010

O esforzo da Vicerreitoría de Extensión Universitaria por situar á Universidade na vangarda cultural está dando os seus froitos en forma de estreas. Xa consolidada como espazo de referencia dentro dos circuítos musicais e teatrais, o campus vigués acollerá neste primeiro cuadrimestre varias estreas e actuación en exclusiva a nivel galego e estatal.

Os primeiros en subirse ao escenario do Teatro Vidal Bolaño serán os suecos Billie the vision and the dancers o vindeiro día 21, dentro da xira que os levará en España a dar tan só este concerto en Vigo e outro en Madrid. Esta banda saltou ás listas de éxito este verán con Summercat, a coñecida canción do anuncio de Estrella Damm.

A outra gran cita do cuadrimestre no que atinxe ao eido musical é o Ciclo Sonora, que desta volta reunirá o 25 de novembro no campus ás bandas Sophia e Whitte Magic, dúas aposta difíciles de atopar nos circuítos nacionais. A primeira delas é o proxecto de Robin Proper-Sheppard, trala disolución de God Machine, que ofrecerá un espectáculo intimista que repasa toda a súa traxectoria musical. Whitte Magic, pola súa banda, son un proxecto estadounidense que chega co seu traballo Dat Rosa Mel Apibus baixo o brazo e a piques de presentar outro novo álbum.

Concerto de Nadal da man de Berrogüetto

O calendario musical do cuadrimestre ten o seu boche de ouro co concerto de Nadal, este ano da man de Berrogüetto, acompañados por Carmen París e as pandereteiras de Cantigas e Agarimos. A cita será o 15 de decembro, como vén sendo habitual no Centro Cultural Caixanova, nun exemplo máis de actuación exclusiva. Tanto Berrogüetto como a cantante e compositoria zaragozana estrean novos traballos discográficos e ofrecerán un espectáculo onde terá cabida tanto a música máis tradicional como a fusión e os novos ritmos.

Teatro de escenario e de rúa

O treatro é o responsable de outras dúas estreas dentro da programación cultural do que resta de 2010. A compañía A Contrabutaca presentará o día de novembro por primeira vez Frantasmas, unha peza de humor sinxelo e baseada no absurdo dirixida por Xosé Lueiro e protagonizada por Fran Ameixeiras, Fran Rei e Fran Campos. Mentres a compañía madrileña La Jarana Teatro traerá a Vigo a estrea de Mi cuerpo es mío unha semana despois, o día 11, obra baseada nun texto de Valle-Inclán que bordea o cabaret.
Finalmente, as representacións teatrais pecharanse o 1 de decembro coa actuación da compañía galega Obras Públicas coa súa montaxe Life is a paripé, mestura de teatro e música, que xa foi galardoada no Festival de Teatro Galego como mellor espectáculo.

Paralelamente, ao longo dous próximos meses o Centro Comercial de Cidade Universitaria acollerá unha edición máis dos espectáculos de rúa, desta volta da man do granadino Hiltoff, gañador do Festiclown 2010, o manchego Pablo Muñoz e a os galegos do Ce Orquestra Pantasma.

25 anos de Organización Industrial

Unha das grandes novidades das actividades culturais deste ano son as actuacións encadradas dentro da conmemoración do 25 aniversario da titulación de Organización Industrial. A aposta é pola mestura, música tradicional e rock, estilos variados e para todos os públicos repartidos en tres datas diferentes. A primeira actuación será o vindeiro 28 de outubro da man da Asociación Cultural Seixebra, de Moraña, para darlle o relevo o 4 de novembro ao rock de Gold Fox e de The Inspectors e poñer o peche ás celebracións o 18 de novembro coa Banda de Gaitas de Matamá e con Gaita & Cía.