DUVI

Diario da Universidade de Vigo

II Seminario CIES: ‘Redes educativas y escolares en la promoción de una educación más inclusiva’

A Universidade convértese en referente europeo a prol dunha "ensinanza para todos e todas"

Expertos internacionais avogan por un sistema educativo baseado na colaboración e no espírito critic

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Investigación
Bea Feijoo DUVI 06/06/2011

“Nos centros escolares aínda reina un contexto social que ten moi presente os estereotipos do bo estudante”. Deste xeito, todo aquel alumno que non alcance o nivel queda nun segundo plano no que respecta á atención educativa. Con esta reflexión, a vicerreitora do campus, Antonia Blanco, inaugurou o II Seminario CIES: Redes educativas y escolares en la promoción de una educación más inclusiva, que reúne aos principais expertos nacionais e internacionais a prol da defensa dunha ensinanza para todos e todas, celebrado na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte. O congreso, organizado pola Red CIES, coordinada por Ángeles Parrilla, catedrática de Didáctica e Organización Escolar da Universidade, e da que forman parte os principais grupos de investigación nacional sobre educación inclusiva, contou coa presenza de Mel Ainscow, investigador internacional de referencia neste eido, quen afondou no sistema educativo do Reino Unido sometido a comparación coa realidade española.

En primeiro termo, a vicerreitora destacou a importancia deste tipo de seminarios “que proxectan á Universidade e en concreto, á facultade, en ámbitos nacionais e internacionais nunha temática tan sensible como é a da educación inclusiva”. Engadiu ademais a necesidade de afondar cientificamente na problemática da exclusión “para destacar o desenvolvemento do individuo na súa diferenza e a non homoxeneización das aprendizaxes”, o que fai necesario a figura “destes investigadores que nos axudan a entender que ocorre e como podemos achegarnos a eses alumnos máis desfavorecidos”.

'Unha receita' que mestura colaboración e espírito crítico

O experto Mel Ainscow realizou unha breve descrición do sistema educativo inglés, salientando que un 97% do alumnado acode a escolas públicas, “porcentaxe moi elevado con respecto á realidade española”. Isto é debido, explicou, a que no Reino Unido existe “un sistema escolar bastante bo” pero prexudicial para o alumnado desfavorecido que non chega ao nivel académico estipulado. Todos os centros mídense por un estándar nacional, establecendo ránkings públicos “onde reina a competición e os directores son pouco máis que executivos agresivos”. Tal é así que o alumnado que se inclúa neste estándar "iralle moi ben pero os que non, quedarán fóra, desatendidos”. Por iso, Ainscow propón un sistema educativo “máis xusto e inclusivo” baseado no aproveitamento da experiencia interna do profesorado, na colaboración e nun “espírito crítico”. Trátase “de sacarlle o máximo rendemento ao que hai dentro para crear unha rede madura de centros onde as persoas se cuestionen todo”, concluíu.

En vez de inclusión, segregación

Pola súa banda, tralas palabras de Ainscow, profesionais do eido da educación en Galicia debateron sobre varias cuestións propostas polo experto. A profesora da facultade, María Álvarez, apuntou que en cuestión de diversidade “os centros de ensinanza galegos non imos cara a inclusión, senón cara a segregación, establecendo clases por niveis e separando ao alumnado”, explicou. Tamén se comentou a cuestión da colaboración, salientando que os profesores “non teñen tempo estipulado para falar entre eles” ademais dunha “febre pola homoxeneización dos plans de estudo”.

O seminario continuará durante todo o día a porta pechada coa celebración de obradoiros de traballo interno cos membros da Red CIES coordinados polo propio Ainscow. Este martes o experto inglés impartirá outra conferencia aberta ao público en xeral centrada no papel da investigación no eido da educación e continuarase co intercambio de opinións e experiencias tanto a nivel nacional como internacional.