DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Presentáronse máis de 400 comunicacións de todo o mundo

A Universidade copa o 25% das mellores investigacións do último congreso internacional sobre deporte

Todo o profesorado premiado pertence ao Departamento de Didácticas Especiais

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Investigación
Bea Feijóo DUVI 03/12/2012

O labor investigador da Universidade pouco a pouco vaise consolidando na esfera internacional, neste caso no eido das ciencias sociais da man de profesorado do Departamento de Didácticas Especiais que acaparou "o 25% dos premios ás mellores comunicacións presentadas" no VII Congreso Internacional da Asociación Española de Ciencias do Deporte celebrado neste mes de novembro en Granada. Para o director do departamento, Vicente Romo, este logro supón “todo un orgullo” co que se ve recompensado o espírito de “esforzo e de dedicación” do corpo docente da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte.

Este congreso, de carácter internacional, supón unha das máis importantes citas anuais coa ciencia do deporte á que acudiron máis de 600 expertos e na que se presentaron máis de 400 comunicacións de investigadores procedentes de todo o mundo. “Indubidablemente, a de Vigo foi unha das universidades máis galardoadas neste encontro ao copar a cuarta parte dos recoñecementos científicos cunha concorrencia internacional”, resalta Romo, uns resultados, que segundo o profesor, confirma o crecemento exponencial que este departamento está alcanzando no ámbito da investigación aplicada. Agradece a colaboración e as facilidades achegadas polo decanato da facultade pontevedresa “personificada en Francisca Fariña e o seu equipo, que foron quen de xerar un ambiente de colaboración e de intercambio”, engade. A Asociación Española de Ciencias do Deporte, principal organismo organizador deste congreso, salienta a contribución científica do mesmo e os avances que supón para a sociedade aludindo a que “gran parte do éxito deportivo do noso país débese ao traballo desenvolvido no ámbito científico producindo coñecemento que logo os adestradores aplican”.

Referente no ámbito do deporte

Aínda que este encontro foi específico da rama de ciencias de deporte, “o noso departamento é multitarea cun profesorado competente tanto en docencia como en investigación”. Foron varios os ámbitos de coñecemento premiados, pero destaca sobre todo os traballos presentados polo grupo de investigación Hi20 dirixido polos docentes Carlos Lago e Luis Casáis “que teñen unha liña aberta sobre a análise do rendemento en fútbol de alto nivel”. Vicente Romo tamén salienta a investigación conxunta dos equipos dirixidos polos profesores José Luis García Soidán e Roberto Barcala, “que recentemente iniciaron un proxecto sobre a RCP con cardiocompresores do que xa están obtendo excelentes resultados”.

O director do Departamento de Didácticas Especiais lembra que este recoñecemento do labor investigador realizado no campus pontevedrés é resultado “da súa boa calidade científica”, un pulo para seguir traballando a prol da transferencia de coñecemento “seguindo a recomendación do noso reitor de facer máis con menos”, engade Romo que destaca os beneficios que os proxectos verten en realidade na sociedade, “como unha patente para mellorar as manobras de salvamento ou o desenvolvemento dun software de análise de xogo de fútbol para os adestradores”, exemplificou.