DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A través dun programa ao que a institución provincial destina 20.000 euros

Universidade e Deputación formarán as empresas na captación de fondos europeos

Aberto a un máximo de 50 participantes, o curso desenvolverase a través de Campus Remoto

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Universidade e empresa
  • Transferencia
DUVI Pontevedra 30/06/2023

A Universidade de Vigo e a Deputación de Pontevedra porán en marcha un programa formativo para empresas centrado na captación de fondos europeos, no que as e os participantes poderán ampliar os seus coñecementos sobre os mecanismos de financiamento e os proxectos comunitarios. Froito da colaboración entre as dúas institucións, trátase dunha iniciativa formativa á que a Deputación destina un orzamento de 20.000 euros e que se desenvolverá entre setembro e novembro de forma virtual, a través do Campus Remoto da UVigo. Cunha duración de 75 horas, este curso estará dirixido a un máximo de 50 alumnos e alumnas.

A través deste curso, preténdese que os traballadores e traballadoras das empresas da provincia amplíen os seus coñecementos sobre a captación de fondos europeos e participen nunha solicitude para algunha das convocatorias abertas da Comisión Europea. Con ese obxectivo, entre os contidos deste programa formativo figura toda a información necesaria para solicitar un proxecto europeo e contará coa participación de distintos axentes, como representantes da Universidade e de centros de investigación. As e os participantes coñecerán tamén “historias de éxito” de compañías que conseguiron financiamento para as súas ideas e poderán tamén preparar o seu perfil europeo para acceder a información actualizada sobre convocatorias e programas para comezar a participar en proxectos da Unión Europea. Deste xeito, segundo destacou a institución provincial, búscase favorecer a formación especializada, a actualización de coñecementos, a proxección profesional e o crecemento socioeconómico da provincia.

De setembro e novembro

O curso desenvolveranse entre o 26 de setembro e o 23 de setembro, os martes e xoves, en horario de 16.00 a 19.00 horas e terá unha duración de 75 horas, das que 50 serán de formación, 15 de traballo individual e dez de asesoramento co profesorado do curso. A formación está destinada a un mínimo de 12 alumnos e alumnas e a un máximo de 50, que obterán un certificado acreditativo, e desenvolverase a través de Campus Remoto, coa excepción da sesión de apertura e o inicio do módulo práctico, que terán carácter presencial.