DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Salustiano Mato e Manuel Baltar asinaron esta martes dous convenios entre as dúas institucións

Universidade e Deputación de Ourense renovan a súa colaboración coa achega de 203.800 euros

Financiarán accións en materia de cultura, educación, deporte e mobilidade no campus ourensán

Etiquetas
  • Ourense
  • Institucional
Rosa Tedín DUVI 27/03/2012
“A sinatura destes convenios consolida dun modo claro e nítido a alianza estratéxica entre a Universidade de Vigo e a Deputación de Ourense”. Deste xeito presentaba Salustiano Mato, reitor da Universidade de Vigo, a renovación dos convenios de colaboración anuais existentes entre as dúas institucións que foi asinada este martes en Ourense. Neles, a Deputación Provincial achega á Universidade a cantidade de 203.800 euros que se destinarán a financiar actuacións e programas en materia de cultura, educación e deporte que se leven a cabo durante 2012 no campus de Ourense. O investimento permitirá igualmente unha nova convocatoria das bolsas de mobilidade Ourense Exterior, nas que tamén colabora o Consello Social da Universidade. “Esta colaboración é un compromiso irrenunciable para nós, aínda en tempos de crise”, salientou Manuel Baltar, presidente de Deputación de Ourense, durante o acto.

A renovación da colaboración entre as dúas institucións materializouse na sinatura de dous convenios. O primeiro, dotado con 185.000 euros pola Deputación de Ourense, está destinado á promoción e ao fomento de actuacións e programas en materia de cultura, educación e deporte que redunden en beneficio da sociedade e do interese xeral da provincia. O segundo dos acordos, dotado con 18.800 euros pola Deputación e con 12.000 euros polo Consello Social da Universidade de Vigo, permitirá renovar para o vindeiro curso académico a convocatoria das bolsas Ourense exterior destinadas a descendentes de galegos e estranxeiros que estuden no campus ourensán.

Momento de sumar

Polo volume económico que supón e pola programación que permitirán realizar, o reitor da Universidade de Vigo destacou a importancia da renovación destes convenios. “Son momentos nos que para saír adiante se precisa máis que nunca sumar”, advertiu Salustiano Mato, que cualificou as relacións da Universidade coa Deputación como de “envexables, exemplares e únicas”. O reitor tamén salientou a intención de “facer partícipe á Deputación” do proxecto estratéxico para o futuro do campus de Ourense que é o Campus da Auga.

Pola súa banda, Manuel Baltar destacou que con esta sinatura “se visibiliza unha vez máis o compromiso desta institución co ensino superior en Ourense”. O presidente da Deputación advertiu que “non se pode permanecer alleos nun ámbito de actuación tan necesario” e destacou a “permanente coordinación” que existe entre as dúas institucións para a potenciación do campus de Ourense.

De Alterarte aos grupos de investigación

O convenio de ámbito cultural financiará os programa de proxección universitaria, como son Alterarte, os obradoiros, a MITEU, a MOTI, as rutas culturais, o coro, UNICORTA, os cursos de verán e a Cátedra Casares. Tamén financiará o programa de apoio á mobilidade estudantil e o programa específico de apoio a grupos de investigación do campus de Ourense. O período de vixencia do convenio rematará o 31 de decembro de 2012.

Pola súa banda, as bolsas Ourense Exterior ofrecerán o vindeiro curso dez prazas a estudantes descendentes de emigrantes e a cidadáns estranxeiros que cursen estudos de mestrado no campus. Tamén financiará aos estudantes que actualmente son beneficiarios dunha destas bolsas a realización do terceiro curso de grao. Como en anteriores edicións, as bolsas cubrirán a matrícula no centro, unha praza de aloxamento na Residencia Universitaria e unha axuda de 600 euros para os gastos da viaxe. “O Consello Social da Universidade de Vigo sempre ten presente nas súas accións ao alumnado universitario e este convenio achega dinamismo e proxección á Universidade e sirve de mostra do espírito de colaboración presente e futuro que rexe a nosa institución”, dixo Ernesto Pedrosa, presidente do Consello Social da Universidade de Vigo.