DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunha xuntanza institucional mantida este mércores entre Manuel Reigosa e Luis Menor

A Universidade e a Deputación reafirman a súa colaboración para o desenvolvemento do campus de Ourense

Nela abordouse o soterramento parcial da avenida Otero Pedrayo e as necesidades de espazo

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cooperación
  • Reitor
  • Visitas
  • Institucional
DUVI Ourense 20/09/2023

O pazo provincial acolleu este mércores a primeira xuntanza institucional entre Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo, e Luis Menor, presidente da Deputación de Ourense. Nela, os representantes das dúas entidades reafirmaron o compromiso de continuar a colaborar para avanzar no desenvolvemento do campus de Ourense, abordando, entre outros proxectos, a petición de soterramento parcial da avenida Otero Pedrayo para unir de xeito peonil as súas dúas zonas universitarias e as necesidades de novos espazos. 

Un dos “mellores campus de España”

Tras a xuntanza, Manuel Reigosa, que estivo acompañado por Francisco Javier Rodríguez Rajo, vicerreitor do campus de Ourense; José Luis Míguez, vicerreitor de Planificación e Sostibilidade, e María José Bravo Bosch, secretaria xeral da UVigo, agradeceu o recibimento do presidente da Deputación. O reitor indicou que nas distintas cuestións abordadas na reunión, en todas elas o órgano provincial é un parceiro necesario e entre elas, apuntou, “hai unha que destaca sobre o resto, que é o funcionamento do futuro do campus de Ourense”, en referencia ao soterramento de parte da avenida Otero Pedrayo, a unión peonil das dúas zonas universitarias e “a inclusión de novas parcelas que nos permitan medrar”.

Manuel Reigosa lembrou que o campus de Ourense “é un campus que está moi ben ubicado, que está nunha cidade na cal é moi agradable vivir e ademais está na propia cidade”. Coas propostas feitas, afirmou, “podemos conseguir que sexa un campus único, un campus no cal se poida pasear desde un sitio a outro” e “que no futuro non teñamos que buscar outras ubicacións que estean fóra do campus”. Segundo explicou o reitor, estas iniciativas permitirían facer de Ourense “un dos mellores campus de España” e suporían “seguramente o proxecto máis emblemático do mandato que agora mesmo temos na Universidade de Vigo no conxunto dos tres campus”. Porén, indicou, para o seu desenvolvemento “precisamos agora mesmo toda a axuda, e a verdade é que estamos moi satisfeitos e moi agradecidos pola posición da Deputación, que nos vai a axudar para que isto, que é un soño, se poida converter nunha realidade”.    

Medra o campus, medra a provincia

Pola súa banda, Luis Menor subliñou que a Universidade de Vigo é “unha institución fondamente enraizada na nosa capital e provincia, e que ademais ten un valor estratéxico para o desenvolvemento desta provincia, que todos recoñecemos e co que todos estamos comprometidos”. Sobre a xuntanza celebrada indicou que se desenvolveu nun “ambiente de extraordinaria cordialidade, franqueza e ademais colaboración”, recalcando que entre as dúas institución existe “un diálogo directo” e “unidade de obxectivos”. Así, afirmou, “temos claro a folla de ruta, temos claro o apoio neste caso da Deputación, que vai a continuar, e que se é posible se  incrementará”.

Luis Menor explicou que agora se propoñen “novas oportunidades de crecemento que van arredor do soterramento, a unión do campus norte e o campus sur, e a posibilidade de crecemento por vía duns novos solares que permitan albergar centros que se están deseñando”. Apuntado que o campus de Ourense é un campus punteiro e en crecemento, o responsable institucional recalcou o compromiso do órgano provincial en seguir colaborando coa UVigo “porque somos conscientes de que a institución é capital para a provincia” e polo tanto, dixo, “nós vamos a apostar, con total determinación, con total claridade e en clara sintonía coa institución, para levala aos obxectivos que todos buscamos, que non son outros que a Universidade medre e iso supoña que a provincia medre”. Así, o presidente da Deputación deu os parabén á UVigo por acadar que “dentro dunha tendencia descendente no número de alumnos, ten unha tendencia ascendente, o cal nos enche de orgullo”, afirmando que este resultado é “un síntoma clarísimo de que desde o reitorado, desde a dirección da universidade, apóstase por este campus e acértase no seu diagnóstico”.