DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun proxecto conxunto co Centro Tecnolóxico Cartif de Valladolid

A Universidade deseña para os hoteis o botóns do futuro

Os prototipos BellBott e Sacarino poranse a proba para testar a súa capacidade de interacción cos cl

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
DUVI 25/02/2011

O grupo de Robótica Móbil e Sistemas Intelixentes vén de darlle un irmán pequeno a RATO, un novo membro na familia que, grazas á súa tecnoloxía punteira, está destinado a converterse na nova xeración de botóns para os hoteis. Bautizado como BellBott, ten un xemelo en Valladolid, Sacarino, froito ambos dun “proxecto de investigación conxunto entre a Universidade de Vigo e o Centro Tecnolóxico Cartif de Valladolid”, explica Joaquín López, investigador do grupo.

Grazas a estes dous prototipos poderase validar nunha contorna real as últimas técnicas de investigación no eido da robótica social e de servizos. Deste xeito, BellBott e Sacarino poderán desenvolver nos hoteis labores propias dos botóns, axudando en tarefas como o acompañamento dos hóspedes ás habitacións, transportar equipaxes de man e incluso facéndose cargo do servizo de habitacións.

Outro dos grandes avances destes particulares asistentes para os hoteis é a súa capacidade de interaccionar cos clientes, recibíndoos na entrada, mostrándolles o camiño e incluso espertando empatía, “grazas a unha cabeza mecatrónica con expresividade” que lle permite amosar simpatía. Por outra banda, ambos robots poden ser controlados tamén a través dunha páxina web dende a recepción ou dende as habitacións. A través desta ferramenta, pódeselle solicitar produtos, como comida na habitación, ou calquera outro servizo que se faría habitualmente chamando a recepción, podendo tamén consultar o estado do pedido en calquera momento.

Tecnoloxía punteira

O control dos robots realizarase dende a recepción do hotel, de xeito que os empregados poidan comprobar en cada momento onde se atopan. Para isto, BellBott e Sacarino incorporan tecnoloxías que lle permiten desprazarse entre as diferentes dependencias do edificio, sorteando obstáculos, empregando os ascensores e volver aos puntos de recarga de baterías.

Entre os dous prototipos existen lixeiras diferenzas, explican os seus creadores, “cunha apariencia similar pero cada un coa súa personalidade propia”. A versión da Universidad de Valladolid desenvolve máis a parte "social" xa que dispón dun recoñecedor de voz e programación específica de certos "comportamentos sociais" mentres que a viguesa se centra máis na funcionalidade e interacción con posibles elementos do edificio.

Tras dous anos de traballo, agora comeza a etapa de verificación dos robots na súa contorna de traballo, os hoteis, tarefa que se desenvolverá no Novotel de Valladolid, “onde se avaliará a calidade do servizo e a capacidade de interacción do robot cos clientes”. Con todo, explican que aínda queda traballo por facer neste campo da robótica móbil, sobre todo no relativo ao tempo de autonomía da batería e nos desprazamentos en superficies irregulares como escaleiras.