DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A institución académica participa no salón Edugal, inaugurado este mércores en Pontevedra

A Universidade exhibe todo o seu potencial ante o futuro alumnado

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Institucional
Eduardo Muñiz DUVI 25/02/2015

Nese momento sempre complexo de decidir que queres ser o día de mañá, resulta moi valioso poder recibir información detallada das titulacións que espertan un maior interese, como a que poden obter os milleiros de mozos e mozas que entre este mércores e este venres se achegarán ata o espazo que ocupa a Universidade de Vigo no IV Salón da Educación e a Formación de Galicia, Edugal. Mais, a presenza da institución académica no salón que se desenvolve no recinto feiral de Pontevedra non queda aí, posto que, co ánimo de amosar todo o potencial das súas titulacións, achega aos visitantes a posibilidade de recibir esa información do propio profesorado e alumnado, así como ver e tocar algúns dos proxectos que se levan a cabo en diferentes facultades e escolas.

“Ter unha presenza institucional nunha feira do ensino na que están os nosos potenciais alumnos e alumnas é moi importante para nós”, salientou o vicerreitor do campus, Juan Manuel Corbacho, que este mércores participou na inauguración dunha feira organizada pola Asociación de Empresarios da Pequena e Mediana Empresa de Pontevedra (Aempe) e o Concello de Pontevedra e que ten entre os seus patrocinadores ao Consello Social da Universidade. Con ese obxectivo de amosar todo o seu potencial ante o alumnado do día de mañá, a Universidade conta cun stand propio no que, “probablemente este ano contemos coa maior participación dos centros do campus, que teñen un maior protagonismo por ser a feira en Pontevedra”, sinala Corbacho. De feito, tanto as facultades de Ciencias da Educación e do Deporte, Belas Artes e Ciencias Sociais e da Comunicación, como as escolas de Enxeñaría Forestal e Enfermaría dispoñen dun espazo no que achegar as súas titulacións aos visitantes. Un labor que tamén leva a cabo nesta feira a Escola de Enxeñería Industrial que, por cuarto ano consecutivo, conta cun stand propio nun salón que ten como obxectivo achegar os mundos da formación e do empresariado e no que están presentes un total de 32 expositores, entre universidades, institutos, academias ou institucións.

Co talento do alumnado como credencial

Dentro do stand institucional da Universidade, contan cun espazo propio facultades como a de Belas Artes, onde, ademais de información, se expoñen algúns traballos desenvolvidos tanto por estudantes do grao e dos mestrados como dos Estudos Superiores de Deseño Téxtil e Moda de Galiza (Esdemga). “Amosar o traballo do noso alumnado é a mellor maneira de chegar a ese público alleo á casa, a aquelas persoas que moitas veces nos preguntan para que sirve Belas Artes e que poden ver aquí que é o que se fai”, destaca o vicedecano Fernando Suárez dun espazo no que esta mañá podía contemplarse como o alumno Gabriel Gallego elaboraba un mural nunha das súas paredes.

Os traballos do alumnado tamén son a carta de presentación do espazo que ocupa a Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, onde se amosan algúns proxectos gráficos e audiovisuais realizados polos estudantes. Tras non estar presente nas últimas edicións da feira, o centro retorna este ano a Edugal coa idea de “ofrecer información e asesoramento e porque queremos reivindicar a competitividade das nosas titulacións”, como salienta o seu vicedecano Jesús Pérez.

Informar e amosar

“Para unha facultade como a nosa, estar nunha feira dedicada ao ensino era case unha obriga”, apunta Carlos Valcárcel, vicedecano de Ciencias da Educación e do Deporte, que esta mañá se encargaba de resolver as dúbidas dos visitantes sobre as titulacións do centro, entre as que o grao en Ciencias da Actividade Física e do Deporte, relata, “sempre é o que máis interese esperta de entrada”. Xusto ao seu carón, o enxeñeiro forestal David Pérez trata “aproveitar a feira para facer un pouco máis visible o grao en Enxeñaría Forestal” e explicar os múltiples campos de traballo dunha titulación “un pouco descoñecida e que combina unha parte máis industrial, con outra máis medioambiental”. Unha tarefa que a escola trata de levar a cabo de novo do xeito máis práctico, reunindo no seu espazo tanto ferramentas para a poda de árbores e a xestión do monte, como aparatos de medición topográfica ou mostras das madeiras que se están a compilar para a súa xiloteca.

“A nosa idea é que os alumnos poidan coñecer que é o que se fai na escola, tanto a nivel de docencia como de investigación”, salienta Juan Pou, director da EEI, que un ano máis achega a Edugal unha serie de “propostas atractivas que permitan ver que hai detrás dos nomes das diferentes titulacións”, como un cuadricóptero que se manexa desde un móbil ou uns robots humanoides que loitan entre si e as que neste 2015 suman novidades como “unha pila de combustible, que converte o hidróxeno e o osíxeno en enerxía, ou unha impresora 3D profesional que foi deseñada polo alumnado". Así mesmo, a EEI tamén colabora na organización en Edugal dunhas “charlas de orientación nas que participan varios centros da Universidade” e que se desenvolverán este venres ás 11.00 horas, e aproveita este salón para presentar a Competición de Robots que en abril terá lugar na escola, xa que unha das súas categorías está precisamente dirixida a alumnado de secundaria e bacharelato.

Por outra banda, tamén está presente en Edugal por primeira vez, a Escola de Enfermaría, centro adscrito á Universidade que, como relata a súa subdirectora, Paz Diéguez, chega a este salón “non tanto para promocionar un título, que xa ten moita demanda, como para que a xente saiba que estamos aquí e que facemos”. Un labor que levan a cabo coa colaboración do alumnado, grazas ao que as persoas interesadas poden realizar unha estimación das súas probabilidades de padecer un problema cardíaco nos próximos anos ou aprender a manexar un desfribrilador. Xunto a estes centros, a representación da institución académica complétase co espazo no que o SIOPE ofrece información aos visitantes de todas as titulacións da Universidade.

Por outra banda, no marco desta feira, os centros do campus recibiron nesta xornada a visita do alumnado do IES Tomiño, que un ano máis gozou dunha visita guiada polas diferentes facultades e escolas.