DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Bota a andar, co apoio de AGADIC, o proxecto 'Can Campus 2012'

Universidade e Festival de Cans alíanse para lanzar novos talentos

Alumnado de CCSS e da Comunicación realizará tres videoclips e unha campaña audiovisual do certame

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Bea Feijóo DUVI 28/02/2012

A creación de sinerxías entre o mundo profesional e académico foi o que impulsou ao docente Oswaldo García a promover o proxecto Can Campus, no que alumnado da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación debía gravar un videoclip dun grupo musical emerxente para logo presentalo no Festival de Cans. Esta iniciativa, que se iniciou no curso pasado, amplíase nesta segunda edición coa colaboración de AGADIC (Axencia Galega das Industrias Culturais) e co aumento do número de proxectos audiovisuais realizados dende a facultade, pasando de unha a catro pezas. “Can Campus convértese nunha oportunidade profesional para o alumnado deste centro, un voto de confianza que nos brinda tanto AGADIC como o Festival de Cans”, sinalou Juan Corbacho, decano da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación durante a presentación da nova edición do proxecto.

Esta iniciativa, titorizada polos profesores Oswaldo García e Carlos Soutelo, crea un espazo de formación universitaria baseado na creación de videoclips “que se desenvolve nun contexto profesional pero controlado academicamente”, explicou o decano, creando unha canle de colaboración entre o mundo real e o universitario “que leva ao alumnado a integrarse no panorama audiovisual dunha forma progresiva e guiada”. Pola súa banda, o director de AGADIC, Juan Carlos Fernández Fasero, tamén fixo fincapé na vertente práctica e realista do proxecto, ademais de “pór en conexión á Universidade de Vigo coa actividade das industrias culturais do panorama galego”.

O Festival de Cans, escaparate perfecto para as novas promesas

Como apuntou Fernández Fasero, o Festival de Cans convértese nun “escaparate perfecto” para promocionar o traballo audiovisual feito por estudantes da facultade pontevedresa. O director do festival, Alfonso Pato, salientou que este proxecto é un compromiso que o certame ten cos novos creadores “coa intención de que Cans dimensione e visualice o traballo de alumnos e músicos emerxentes e que á vez se mesture co espírito da vila”. Así, esta iniciativa “ademais de desestacionalizar o festival e achegar contidos inéditos, apoia ás novas promesas do audiovisual para que se poidan integrar na industria”, engadiu Pato .

Tres videoclips e unha campaña audiovisual

Un total de 20 alumnos e alumnas das titulacións de Comunicación Audiovisual e Publicidade e Relacións Públicas foron seleccionados para esta nova edición. Dous grupos encargaranse da produción e realización dos vídeos de Glasgow e MeDoMedÁ, dúas novas bandas de música procedentes de Santiago de Compostela e Ames respectivamente, ás que se lles brinda a oportunidade de gravar o seu primeiro videoclip. Un terceiro grupo colaborará co director de cine Enrique Otero na gravación do próximo videoclip da Banda Crebinsky, grupo que xurdiu a raíz da gravación da banda sonora da súa primeira longametraxe como director, Crebinsky. “Trátase de mesturar o amateur co profesional”, sinalou Pato, coa finalidade de crear un contexto de colaboración “frutífero e de aprendizaxe para as dúas partes”, destacou Enrique Otero. Paralelamente, un cuarto grupo encargarase de rodar unha campaña audiovisual do festival “introducindo unha vertente máis comercial e publicitaria”, apuntou o decano. Estes proxectos audiovisuais estarán guiados e supervisados polos profesionais Juan Lesta e Belén Montero, da empresa DSK, especializados na realización de videoclips que xa participaron na edición anterior.

Trala selección dos estudantes participantes a partir dunha convocatoria na que se presentaron os proxectos, en marzo iniciarase a procura de localizacións na aldea de Cans, que será escenario da gravación das diferentes pezas a partir do 14 de abril. Todas elas serán estreadas no Festival de Cans, que celebra a súa novena edición do 23 ao 26 de maio. Os alumnos e alumnas seleccionadas xa se atopan inmersos na etapa de preprodución. “Estamos moi ilusionados con esta oportunidade de rodar un videoclip. Nunca rodamos un e vai ser unha práctica profesional inesquecible”, comentou Fátima Santiago, unha das alumnas seleccionadas. Pola súa banda, Eloy Miranda, outro dos estudantes de Comunicación Audiovisual que participa en Can Campus, repite por segunda vez a experiencia “pero nesta ocasión en vez de embarcarme no proxecto musical formo parte dun grupo multidisciplinar con compañeiros de Publicidade para coñecer outras vertentes do sector”, apuntou.