DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunha xornada histórica para o rugby galego

O Universidade Iveco cae ante o Gernika no seu debut na casa

Cun resultado de 17-25, os vigueses tiveron problemas na melé e nos lanzamentos de touche

Etiquetas
  • Vigo
  • Deportes
DUVI 26/09/2011
Foi unha xornada histórica na que o Universidade de Vigo Iveco estivo arroupado por arredor de 2000 espectadores pero na que os resultados non foron todo o bos que se terían desexado. No seu debut en Vigo ante o Gernika Rugby nada se lle puido reprochar ao equipo de David Monreal e Norm Maxwell que, sen embargo, non logrou atoparse coa melé, onde perdeu demasiados balóns, nin nos lanzamentos de touche, que lle facían perder a posesión.

Ante un equipo considerado de “verdadeiros xigantes”, o nerviosismo puido cos xogadores do equipo local na que foi a súa estrea na casa. Se ben iniciaron o partido con certo dominio e situándose no terreo visitante en poucos minutos o Gernika foise asentando no campo ata que o seu zaguero Montagut apoiaba o primeiro ensaio ao minuto 15. Despois no minuto 28 recortaba distancias Hamilton para os locais e deixaba o marcador 3 a 5, se ben, nos minutos finais deste primeiro tempo definiuse o partido xa que o Gernika apoiou dous ensaios, un de eles transformado deixando un marcador ao chegar ao descanso de 3 a 17.

O segundo tempo comezou de novo co Gernika atacando e, aos cinco minutos, apoiou o ensaio que lle daba o punto bonus a través da ala Olaeta para deixar o parcial 3 a 22. Ao partido quedáballe moi costa arriba ao Universidade Iveco, pero comezou a asediar aos visitantes ata que se apoiaron sendos ensaios de Riki Titaki e Carlos de Cabo, con dobre transformación de Hamilton, o que deixaba aos vigueses a tira de ensaio para empatar o partido, 17 a 22. Parecía que se ía a conseguir, pero no último minuto, un golpe de castigo transformado por Xabier Urrutia, non só impedía a vitoria ao Universidade, senón que lle arrebata o punto bonus, quedando o partido nun resultado final de 17 a 25.

O próximo encontro, este domingo, o equipo volverá xogar na casa, nesta ocasión ante os cataláns do Santboiana. Quédalles por diante unha semana de traballo para preparar o partido na busca da ansiada vitoria.