DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O sábado ás 16.00 horas ante o Cetransa El Salvador

O Universidade Iveco celebra o aniversario do ascenso coa retransmisión por primeira vez dun encontro na TVG

Etiquetas
  • Vigo
  • Deportes
M. Del Río DUVI 24/02/2012
Esta semana cumpriuse un ano de que o Universidade de Vigo Iveco acadase o ascenso á máxima división do rugby nacional. Pasados 12 meses do fito máis importante da historia deste deporte en Galicia, os vigueses tentarán cambiar esta fin de semana o discorrer desta tempada e farano nun encontro que será, por primeira vez retransmitido pola televisión. A partir das 16.00 deste sábado, o Iveco medirase ao Cetransa El Salvador no campus de Vigo ante as cámaras da Televisión de Galicia, (TVG2), no que será o primeiro partido de rugby retransmitido en directo pola canle autonómica.

Dende o club universitario preténdese converter esta cita en toda unha xornada festiva, nun espectáculo dentro e fóra do campo para celebrar o primeiro aniversario do seu ascenso á División de Honra, realizando demostracións da escola de rugby e sorteos de electrodomésticos entre os asistentes.

A pola permanencia

A idea é recuperar o espírito que o ano pasado, 20 de febreiro en Madrid, permitiu subir á máxima categoría e volver á senda da vitoria que lles permita evitar os play-off de descenso. O rival deste sábado será o Cetransa El Salvador, que acaba de clasificarse para a final da Copa do Rei. O Universidade de Vigo Iveco chega a este encontro tras un mes de parón ligueiro dedicado á preparación física e mental dos xogadores para acadar a permanencia.

Para iso, Norm Maxwell e David Monreal planificaron nas últimas semanas adestramentos de gran potencial físico pero traballando tamén o aspecto anímico dos seus xogadores. Ademais, para este encontro o corpo técnico poderá contar con Carlos Blanco, que renunciou a viaxar coa selección española a Ucraína para disputar o segundo partido do Campionato de Europa. Recuperado da lesión na man que o afastou da competición dende a terceira xornada de liga, Blanco achegará a súa experiencia ao conxunto vigués para tratar de selar a permanencia. O rival, o Cetransa El Salvador é sétimo na táboa, polo que os universitarios agardan poder facerlles fronte nun encontro que será probablemente de alta calidade técnica. Tras este choque, esperan ao Universidade o Getxo, o Alcobendas e o Cajasol, todos eles equipos da segunda parte da táboa e, polo tanto, rivais directos dos vigueses.

Ademais, a retransmisión é un punto de motivación extra para os xogadores do Iveco, que tentarán ofrecer un gran partido ante a os seus seareiros no campo e dende a casa. Para os que afeccionados que se queira achegar ao campus de Vigo, as entradas terán un prezo de 5 euros e a recadación deste ‘día do club’ destinarase a tentar achegar algo de tranquilidade económica ata o final de liga, obxectivo ao que contribuirá tamén a recadación publicitaria da retransmisión do encontro.