DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os vigueses impuxéronse na casa 26-15 ao Cajasol Ciencias

O Universidade Iveco rompe a racha negativa e acada a desexada primeira vitoria

A clave estivo no arranque do partido e nunha moi boa primeira parte

Etiquetas
  • Vigo
  • Deportes
M. Del Río DUVI 07/11/2011

Custou oito xornadas conseguilo, pero á fin, este domingo chegou a ansiada primeira vitoria para o Universidade Iveco na División de Honra do rugby nacional. E non o fixeron de calquera forma, senón grazas a unha brillante primeira parte como locais ante o Cajasol ao que se impuxeron 26-15 a pesar das catro baixas coas que chegaron ao choque os universitarios (Carlos Blanco, Gustavo Gainzarain, Alberto Campos e Diego Fortes).

Os de David Monreal conseguiron a mentalidade necesaria para acadar este triunfo que estrea a súa conta de vitoria na máxima división do rugby español. Ante preto de 700 seareiros, o Universidade Iveco saíu a gañar, sabendo dende o primeiro minuto o que necesitaban facer para imporse aos andaluces. Explica o seu adestrador, David Monreal, que o equipo “se fixo co balón dende o primeiro minuto, usándoo con moita eficacia e utilizando todo o ancho do campo; con bo ritmo e paciencia chegou o primeiro ensaio de Riki, que realizou outro gran partido, como está sendo habitual esta temporada”. Os vigueses mantiveron a posesión, e a conexión entre Mera e Josh foi moi boa grazas tamén “ao gran traballo que realizou a nosa dianteira, moi seria e eficiente no set piece”, engade Monreal.

O encontro chegou ao descanso cun 26-5 no marcador que reflectía a excelente actuación do Iveco, moi superior en todos os aspectos ao Cajasol. Na segunda parte o equipo sevillano meteuse máis no partido pero o combinado local defendeu moi ben e os balóns dos que dispuxo crearon moito perigo, xogando dende a propia liña de ensaio e poñendo ao publico en pé polo xogo que estaban despregando.

Tras este encontro, o Universidade Iveco segue como pechacancelas da categoría pero con 9 puntos, e comeza a ver a luz ao final do túnel e a recortar distancias cos seus rivais directos. O encontro da oitava xornada que debera desputarase a vindeira fin de semana ante o La Vila fora adiantado no seu día ao 12 de setembro, no que foi o debut nos vigueses na División de Honra. Polo tanto, a próxima cita será xa na novena xornada ante o VRAC Q. Entrepinares.