DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A comunidade investigadora ten de prazo ata o 20 de xullo para cubrila

A Universidade lanza unha enquisa coa que identificar oportunidades de mellora no programa HR de Excelencia na Investigación

Son 27 preguntas nas que se repasan as diferentes medidas que se foron implantando

Etiquetas
  • PDI
  • Vigo
  • Investigación
DUVI 13/07/2022

Cinco anos despois de que a Univesidade de Vigo acadase a acreditación HR Excellence in Research Award da Comisión Europea en recoñecemento ao seu compromiso por adoptar os principios da Carta Europea para o persoal investigador e do Código de Conduta para a contratación, a Vicerreitoría de Investigación, Transferencia e Innovación acaba de lanzar unha enquisa coa que contrastar a opinión do persoal investigador e identificar as posibles oportunidades de mellora.

Son 27 preguntas nas que se repasan as diferentes medidas que se foron implantando e que, segundo se destaca desde a vicerreitoría, apenas leva uns minutos contestar, pero cuxos resultados serán de grande axuda para avaliar a opinión do persoal investigador e seguir mellorando na implantación dunha acreditación que busca mellorar o mercado de traballo europeo para as e os investigadores e que, “cada vez máis”, é tida en conta polas axencias europeas de financiamento.

Do Comité de Ética ao Código de Boas Prácticas na Investigación

A enquisa forma parte da estratexia e do plan de acción 2019-2022 da UVigo en relación con este programa e nela repásanse as diferentes medidas que se foron implantando. Entre estas medidas destácase o deseño e implantación dunha nova estrutura para a ética na Universidade, a creación dun Código de Boas Prácticas na Investigación, a creación dun procedemento para a recepción de investigadores visitantes e, tamén, dun manual de benvida para novos investigadores. A maiores púxose en marcha a Unidade de Cultura Científica e organizáronse múltiples seminarios de formación en diferentes temáticas relacionadas coa carreira investigadora. Por outra banda, tal e como se lembra nalgunha das preguntas do cuestionario, a UVigo asociouse a European Open Science Cloud (EOSC) como parte da súa estratexia para promover a Ciencia Aberta e aprobouse unha normativa de contratación adaptada aos principios OTMR e a nova lei de contratación.

Ata o mércores 20 de xullo

O persoal docente e investigador pode participar nesta enquisa ata o vindeiro 20 de xullo.