Aglutina a 15 socios de sete países
A Universidade lidera un proxecto europeo de xestión de infraestruturas que facilita a resposta rápida a eventos extremos
Financiado con 4,5 millóns de euros, dos que 708.000 corresponden á institución académica viguesa
Crear un sistema europeo de xestión de infraestruturas capaz de deseñar, validar e establecer métodos, estratexias, ferramentas e intervencións técnicas para aumentar de xeito significativo a resistencia e a seguridade da rede de estradas e de infraestruturas ferroviarias ante circunstancias adversas ou eventos extremos, desde inundacións ata secas, incendios forestais, terremotos ou corrementos de terra. Este é o gran obxectivo de Safeway, o primeiro proxecto europeo da convocatoria H2020 liderado pola Universidade de Vigo e no que se aglutina a 15 socios de sete países.
Financiado con algo máis de catro millóns e medio de euros, dos que 708.000 corresponden á propia Universidade de Vigo, o proxecto presentouse este xoves nunha rolda de prensa na que se contou coa participación do reitor, Manuel Reigosa, e dos dous investigadores da Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía que coordinan este traballo, Belén Riveiro e Pedro Arias, así como numerosos representantes do resto de grupos da Universidade implicados no proxecto.
“Para nós conseguir este proxecto no marco máis esixente da Unión Europea é algo excepcional”, explicou o reitor, que fixo fincapé en que esta é a primeira vez que a Universidade de Vigo lidera un proxecto deste tipo, “o que dalgún xeito subliña a maioría de idade da nosa institución no eido da investigación e o desenvolvemento”, recalcou, ao tempo que agradeceu a forte implicación de todo o equipo de investigadoras e investigadores e do persoal técnico implicado na solicitude.
Seleccionado entre máis de medio cento de propostas
“Foi un proceso longo e difícil que se iniciou hai xa preto de dous anos e no que se presentaron preto de 60 solicitudes das que só tres se resolveron de xeito positivo”, explicou Pedro Arias, que quixo tamén destacar que este proxecto xurdiu a partir da creación na Universidade dunha rede de investigación da que forman parte catro grupos de investigación coordinados polo profesor Henrique Lorenzo e que xa deu orixe a tres proxectos europeos -o último Safeway-, dotados con máis de dez millóns de euros, dous deles destinados integramente á propia Universidade.
Liderado polo Grupo de Xeotecnoloxías Aplicadas, ao que pertencen Arias e Riveiro, e apoiado polos grupos Encomat (Enxeñaría de Corrosión e Materiais) e GTE (Tecnoloxía Enerxética), da Universidade de Vigo, o proxecto Safeway reúne o traballo de 15 socios de sete países, entre eles Estados Unidos, que cobren múltiples campos de negocios relacionados coa resistencia da rede de infraestruturas de transporte en Europa: administradores e operadores de infraestrutura de transporte nacional, un operador de infraestrutura global principal, socios capaces de proporcionar varias fontes de datos con gran cobertura en tempo real e expertos líderes en resiliencia, bases de datos de riscos, inspección baseada en sensores remotos e sistemas de decisión baseados en modelos preditivos.
Papel da Universidade de Vigo no proxecto
O papel da Universidade de Vigo no proxecto inclúe actividades de carácter xeoespacial destinadas á monitorización das infraestruturas “para o que se empregará tanto información satelital como vehículos que incorporan sensores similares, que onde temos máis traxectoria”, recalcou Riveiro. Con toda esta información poderanse desenvolver algoritmos que automaticen o manexo dos datos, o que facilitará “que non sexa un único operario o que teña que estar dixerindo toda a información, senón que o sistema garde a información relevante e lla remita para que este poida tomar as decisións máis adecuadas”.
A maiores, desde o grupo Encomat encargaranse do paquete de traballo destinado ao desenvolvemento de novos sistema construtivos, creados a partir de materiais intelixentes –sobre todo aceiros con memoria de forma e novos cementos que melloran a resistencia da infraestrutura- e incluso novas tecnoloxías que permiten certas recuperacións despois do acontecemento dun dano.
Por parte do Grupo de Tecnoloxías Enerxéticas propoñen a aplicación dunha ferramenta “na que eles son expertos e teñen xa moita experiencia”, apuntou Riveiro, que permite facer predicións meteorolóxicas a curto prazo e que poden ser de gran relevancia á hora de axudar a mellorar o seguimento de incendios forestais, inundacións ou calquera outro elemento que dependa das circunstancias meteorolóxicas.
42 meses para mellorar a mobilidade e reducir os custes
Cunha duración total de 42 meses, a reunión de lanzamento do proxecto celebrarase en Vigo os vindeiros 13 e 14 de setembro e a data prevista de finalización é febreiro de 2022. Ata entón Safeway tratará de desenvolver as ferramentas necesarias para mellorar a capacidade de adaptación das infraestruturas de transporte, desen¬volvendo un conxunto de ferramentas con aplicación transversal para anticipar e mitigar os efectos de eventos extremos en todas as dimensións do ciclo de xestión de desastres.
Segundo explicaron na rolda de prensa os coordinadores do proxecto, o obxectivo é conseguir cando menos un 20% de mellora na mobilidade e reducir tamén nunha porcentaxe similar o custe de mantemento das infraestruturas.
Probas piloto en España, Portugal, Reino Unido e Países Baixos
Aínda que os traballos de campo iniciaranse este mesmo ano, non será ata a última fase do proxecto –anos 2021 e 2022- cando se realicen as primeiras probas piloto do novo sistema. Realizaranse un total de catro, distribuídas entre: Portugal, centradas en cuestións relacionadas con incendios forestais e inundacións; España, en sismos e inundacións; Reino Unido, en inundacións e falla de noiros; e Holanda, concretamente no porto de Rotterdam, un enclave emblemático polo seu carácter intermodal, xa que ademais de estradas e tren, coincide tamén o transporte marítimo.