DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O prazo de solicitudes manterase aberto ata o 6 de xullo

A Universidade oferta para o próximo curso 475 prazas en residencias universitarias

Destinaranse 85.000 euros a axudas en función da renda familiar da persoa solicitante

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Institucional
DUVI 29/06/2018

A Universidade oferta para o próximo curso  un total de 475 prazas de aloxamento nas residencias universitarias dos tres campus: 218 no complexo residencial O Castro, do campus de Vigo; 191 na residencia As Burgas do campus de Ourense;  4 no complexo residencial concertado Alcai de Allariz e 62 na residencia de estudantes Afundación de Pontevedra, 12 máis ca en 2017.

Para acceder a unha destas prazas de aloxamento, a alumna ou alumno debe ter o enderezo familiar fóra do termo municipal no que estea situada a residencia onde se solicita a praza de aloxamento e estar matriculado ou pendente de matrícula no curso 2018/2019 nalgunha das titulacións de grao, máster ou programas de doutoramento nun dos centros do campus no que opten á praza. O prazo de solicitude manterase aberto ata o vindeiro venres 6 de xullo.

No campus de Vigo o Complexo residencial universitario O Castro ofrece 199 prazas en apartamentos individuais con cociña compartida (cada dous), seis deles adaptados a persoas con necesidades especiais, e 19 en apartamento individuais con cociña. No caso da residencia As Burgas, do campus de Ourense, ofértanse 131 prazas en apartamentos individuais con cociña; 56 en apartamentos individuais con cociña compartida -seis adaptados- e catro en apartamentos dobres con cociña, e en Alcai, no concello de Allariz, están dispoñibles dous apartamentos con dúas habitacións individuais cada un deles. En Pontevedra a oferta é de 62 prazas en habitacións dobres con baño.

118 axudas de aloxamento

Como vén sendo habitual, a Universidade volve tamén convocar bolsas de aloxamento dirixidas a aquel alumnado que por razón dos seus estudos debe residir fóra do domicilio familiar. En total ofértanse 59 axudas de 100 euros ao mes (tipo A) e outras tantas de 60 euros mensuais (tipo B). A diferenza entre unhas e as outras son os requisitos de renda anual por membros da unidade familiar: igual ou inferior a 7575 euros para as tipo A e 10.111 para as tipo B, cantidades lixeramente superiores a da anterior convocatoria para facilitar o acceso a estas axudas a un maior número de estudantes.

A duración das axudas será de 9 meses, do 1 de setembro de 2018 ata o 31 de maio de 2019 e a contía máxima que se dedicará a estas axudas é de preto de 85.000 euros.