DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Unha exposición de bicicletas lembra que hai medios de transporte sustentables

A Universidade opta pola concienciación no Día Mundial sen Coches

Postos informativos divulgan as alternativas aos vehículos particulares

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
M. Del Río DUVI 22/09/2010

Nos últimos anos son moitas as iniciativas postas en marcha dende a Universidade a favor dun transporte sostible e menos contaminante. Cursos de condución eficiente, programas de coche compartido ou campañas de sensibilización son algúns dos exemplos que hoxe, no Día Internacional sen Coches, se poñen en valor. Para conmemorar esta xornada, a Oficina de Medio Ambiente en colaboración co Plan Suma instalou estes días un stand que percorre varios centros do campus de Vigo amosando as posibilidades que cada cidadán ten na súa man para contribuír a un desenvolvemento máis sostible a través do transporte. Para visibilizar este problema, ao abeiro do Plan SUMA, elaborouse un informe sobre A pegada ecolóxica da Universidade de Vigo, no que se recolle que a mobilidade é a responsable do 60% da emisións da Universidade. Así, necesitaríase unha área equivalente a 1845 campos de fútbol para poder asimilar esta cantidade de CO2 froito do transporte nos tres campus e a plantación de 222 árbores por persoa.

O autobús pode supor un aforro do 80%

O uso compartido do coche reduciría o número de vehículos nas estradas e o nivel de emisións, ademais de diminuír o gasto; o transporte colectivo como trens e autobuses redundan nestes beneficios; medios de transporte pouco ou nada contaminantes son outra alternativa, como coches eléctricos ou bicicletas pero, no caso de empregar o automóbil, hai xeitos responsables e eficientes de facelo. Sobre todo isto informan os membros da OMA e os colaboradores do Plan Suma neste posto co gallo do Día Internacional sen Coches. Os datos do informe son claros: o uso do autobús podería supor un aforro do 80%.

Segundo explica Laura Gómez, do Plan Suma, ademais de ofrecer asesoramento, nestes días estase realizando a enquisa “sobre os hábitos da comunidade universitaria para elaborar o informe da Pegada Ecolóxica do ano 2010”.

Mobilidade, saúde e seguridade

Este día internacional sen coches pon tamén fin á Semana europea mobilidade, neste 2010 centrada na Mobilidade, saúde e seguridade, baixo o lema Móvete con intelixencia e vive mellor!. “A Universidade adheriuse este ano á iniciativa europea, motivo polo que o Servizo de Deportes tamén colabora nas actividades informativas”, explica Gómez. Trátase de sensibilizar aos cidadáns sobre o uso de modos de transporte máis sostibles como o transporte público, a bicicleta e as viaxes a pé, dando a coñecer os efectos prexudiciais que as tendencias actuais de mobilidade urbana teñen na saúde dos cidadáns e das cidades. Entre outros, o transporte a afecta á nosa saúde a través do ruído, polución, estilo de vida sedentario, saúde mental ou accidentes. Dende o Servizo de Deportes ofrecen información sobre programas e actividades deportivas e saudables que se organizan na Universidade e organizaron unha exposición de bicicletas, en colaboración cunha casa comercial, “como exemplo dunha alternativa de mobilidade saudable e sustentable”. Ademais, na enquisa sobre a mobilidade, incluíuse tamén unha sección sobre os hábitos deportivos e físicos da comunidade universitaria, para coñecer dende o Servizo de Deportes as súas necesidades e demandas.