DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A compañía A Contrabutaca estrea obra no Teatro Vidal Bolaño

A Universidade pasa unha tarde ‘frantasmagórica’

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
Noemí Rey DUVI 03/11/2010

Cadeiras e mesas que se moven nun caserón victoriano recén estreado, un estrano mordomo, unha explosiva criada, corredores ocultos tras a cheminea, unha maldición e un asasinato… Non hai dúbida: estamos ante un misterio en toda regra. Esta é a nova proposta da compañía estradense A Contrabutaca, que estreou esta tarde no Teatro Vidal Bolaño da Universidade de Vigo ‘Frantasmas’, unha comedia co gag como elemento estrutural na que ante todo prima o humor do absurdo. Moito traballo para intentar dar un xiro radical ao teatro que se está a facer nestes intres en Galicia.

Nun teatro abarrotado, deste xeito a programación cultural da universidade da cabida a un proxecto arriscado e moi ambicioso que se nutre de elementos doutras artes audiovisuais como a televisión e que ten a escenografía como eixo principal. Para logralo, A Contrabutaca botou man de David Ottone, director artístico de Yllana, unha compañía madrileña que leva case 20 anos poñendo o mundo patas arriba co seu teatro irreverente.

Cinco personaxes creados a partir de exercicios de improvisación con tres protagonistas que dan nome á obra: Fran Ameixeiras, Fran Rei e Fran Campos. Dirixida por Xosé Lueiro, esta é a terceira obra da compañía estradense tras o seu musical infantil ‘Robin Hood’ e a comedia ‘Un morto moi vivo’.