DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O Consello de Goberno aprobou tamén o regulamento de premios extraordinarios de grao

A Universidade pon en marcha unha Comisión de Igualdade para impulsar novos plans de actuación

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
D. Besadío DUVI 13/06/2011
Realizar o seguimento de todos os plans e actuacións en materia de igualdade e levar a cabo novas propostas de plans e programas neste eido son as principais funcións das que se dota a Comisión de Igualdade da Universidade de Vigo, cuxo regulamento se aprobou esta mañá en Consello de Goberno, nunha sesión na que tamén se deu o visto e bo a normativa para outorgar os premios extraordinarios aos novos titulados que están a saír das aulas co novo título de graduados.

“Vontade expresa deste equipo de goberno e penso que de toda a comunidade universitaria”, tal como subliñou o reitor durante a celebración do Consello de Goberno a nova Comisión terá unha composición equilibrada e nela terase en conta a presenza de persoas procedentes dos tres campus da Universidade. “O noso empeño é que sexa o máis representativa posible e que nela se sintan representados todos os estamentos desta Universidade”, subliñou Salustiano Mato, que adiantou que a composición definitiva se coñecerá nun vindeiro Consello de Goberno, pero que seguirá o seguinte esquema: reitor ou reitora ou persoa en quen delegue, que exercerá a presidencia; directora ou director da Unidade de Igualdade, que ocupará a secretaría da Comisión; vicexerente de recursos humanos; dúas persoas representando ao PDI con vinculación permanente e un representante de cada un dos seguintes órganos: xunta de persoal funcionario, comité de empresa, xunta de PDI Funcionario, Comités de Empresa de Pontevedra e Ourense, así como unha persoa representando ao alumnado e outra ao Consello Social.

A nova Comisión, que deberá reunirse polo menos unha vez ao trimestre, participará tamén nos Plans de Igualdade da Universidade e impulsará a execución de todas as actividades e accións de mellora que se propoñan. Ademais, ás diferentes sesións da Comisión poderán asistir, por invitación da presidencia e con voz pero sen voto, persoas expertas nos temas a tratar, un aspecto no que fixo especial fincapé o profesor Jaime Cabeza, líder de Nova Universidade, quen suxeriu que no texto se cambiase a expresión 'paridade de xénero' polo de 'composición equilibrada', seguindo os termos da Lei Orgánica de Igualdade.

Premios extraordinarios para os novos graduados

Cando comezan a saír á rúa os titulados nos novos graos, o Consello de Goberno aprobou o Regulamento dos Premios Extraordinarios de Grao Universitario, un galardón ao que non poderán optar aqueles estudantes que obteñan a titulación como consecuencia da superación dos cursos de adaptación ás titulacións de grao.

Para poder optar a estes premios os candidatos deberán ter cursado, un mínimo de 180 créditos, e acadar unha puntuación media no seu expediente académico que estea no rango do 10% superior das cualificacións medias da súa promoción.

A concesión do premio, que se fará a proposta das xuntas de centro, reflectirase no título e permitiralle ao alumno quedar exento do pagamento das taxas de expedición do título universitario.

Outros temas

Na sesión de hoxe, na que se deu o visto e prace a diferentes cuestións de orde administrativo, aprobáronse tamén un total de doce convenios de colaboración con institucións académicas de diferentes países: Italia, México,Uruguai, Paraguai, Panamá, Perú, Arxentina e Mozambique.

Ademais, tamén desde este luns, a Universidade de Vigo formará parte da Asociación Española de Universidades con Titulacións de Información e Comunicación, unha entidade que nace para representar máis eficazmente os intereses destas titulacións e mellorar as relacións con asociacións similares de ámbito europeo e latinoamericano.