DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Dentro do proxecto Active Campus Europa, porase en marcha simultaneamente en 16 universidades

A Universidade pon en marcha un reto deportivo para activar o alumnado máis sedentario

Cun programa de 10 semanas de actividade física con seguimento médico deportivo individualizado

Etiquetas
  • Vigo
  • Deportes
M. Del Río DUVI 26/09/2017

A Organización Mundial da Saúde considera que unha persoa é sedentaria se non fai un mínimo de 30 minutos diarios de actividade física cinco días á semana. Non se trata necesariamente de practicar deportes de competición, nin de federarse, nin acudir a un ximnasio, basta cun pouco de constancia e motivación para realizar algún tipo de actividade. Poren, a porcentaxe de persoas sedentarias e o impacto de obesidade nas sociedades occidentais continúa crecendo, chegando en España a un 40% de poboación con sobrepeso. Para loitar contra estes hábitos de vida pouco saudables, a Universidade de Vigo vai poñer en marcha un programa de actividades, ao abeiro do proxecto Active Campus Europe, para que o alumnado que non practica deporte comece a realizar un mínimo de actividade física.

O obxectivo é favorecer o cambio de hábitos e a adopción de estilos de vida máis saudables e mellorar a condición física saudable e a calidade de vida. Para isto, o plan contempla dez semanas de exercicio físico especialmente destinado a alumnado fisicamente inactivo, que durante este tempo contará cun seguimento técnico e médico deportivo individualizado que lle permitirá ir adaptando o seu programa de actividade física aos progresos que vaia realizando. En total ofértanse 30 prazas, número limitado que permita avaliar e asesorar ás persoas participantes, que poden ser de calquera dos tres campus e realizar o seguimento no que elixan.

Esta iniciativa insírese no proxecto Active Campus Europe, do que forma parte a Área de Benestar, Saúde e Deportes de Vigo xunto con outras 15 universidades do continente, que porán en marcha simultaneamente este programa para o seu alumnado. O decano da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, Vicente Romo, participa na comisión de avaliación que se vai encargar de deseñar os estudo previos dos participantes. Explica que este programa está especialmente pensado “para alumnado sedentario da Universidade que non realice a actividade física recomendada pola Organización Mundial da Saúde”. Realizaranse dúas quendas, unha primeira que arranca o 9 de outubro e para a que a matrícula estará aberta ata o día 5 dese mes, e outra no segundo cuadrimestre, que comezará en febreiro.

A “pandemia” da obesidade e o sedentarismo

O profesor Romo destaca que a obesidade e a inactividade física téñense convertido xa nunha “pandemia”, nun problema moi “grave e preocupante” sobre todo na poboación infantil, tanto dende o punto de vista da saúde como do gasto sanitario. “A día de hoxe non sabemos como van a evolucionar os nenos e nenas actuais, que incidencia van ter enfermidades como a diabetes, por exemplo”. Tamén remarca que as persoas que non practican deporte ou algún tipo de actividade física de xeito habitual, “van sufrir a longo prazo moitos máis problemas de saúde e isto disparará o gasto asistencia no futuro”. Para darlle resposta a estes retos, sinala Romo, “as universidades debemos ser referencia” e por iso institucións españolas, finesas, alemás, inglesas, irlandesas, holandesas e portuguesas, coordinadas pola RWTH Aachen University, puxeron en marcha o proxecto Erasmus+ Active Campus Europe.

O profesor do campus de Pontevedra tamén pon en valor outras estratexias emprendidas na Universidade de Vigo para fomentar os hábitos de vida saudables, como habilitar sendeiros peonís, acondicionar carrís-bici e crear roteiros cardio-saudables no marco do Green Campus, para que a comunidade universitaria opte por transportes activos en lugar de transportes tradicionais contaminantes e sendentarios.

A partir do 9 de outubro, os estudos iniciais

Román Lago, técnico superior en Actividades Deportivas, explica que tras o estudo inicial da situación de cada un dos participantes seleccionados, a idea é que completen un programa personalizado de 30 minutos de actividade diaria, cinco días á semana, durante dous meses. Cada estudante organizarase de acordo coa súa axenda e optará por actividades que lle gusten e motiven “ben sexa correr, andar en bici, nadar, etc., podendo elixir desenvolver o programa no campus ou no lugar que elixan, xa que tan só unha sesión semanal deberá ser presencial”, explica Lago. Deste xeito, trátase de amosar que non é cuestión de acudir diariamente a un ximnasio, senón que as actividades poden ser moitas, ao aire libre, nos momentos de ocio, con compañía o usen ela. Para realizar o seguimento, a persoa participante levará un rexistro da súa actividade nun diario para poder avaliar o cumprimento dos obxectivos marcados semanalmente. Tamén están previstas unha serie de actividades pautadas como clases diarias de fitness, tenis, ioga ou baile.

A primeira semana, do 9 ao 13 de outubro, realizaranse os estudos iniciais para coñecer o punto de partida de cada persoa usuaria, o seu nivel de sedentarismo, a súa historia clínica e os seus condicionantes físicos. Para iso, a unidade médico-deportiva da Universidade realizará probas físicas e ortopédicas, podoscopia, medición de tensión arterial, electrocardiograma, espirometría e control antropométrico e o Cuestionario Internacional de Actividade Física (IPAQ). Nas seguintes semanas desenvolverase o programa de oito semanas de actividades físicas e na derradeira semana, do 11 ao 17 de decembro, avaliarase a efectividade do programa a través da evolución dos parámetros asociados a unha condición física saudable, como antropometría, forza-resistencia muscular, flexibilidade, equilibrio e resistencia cardiorrespiratoria).

Para este programa, a Área de Benestar, Saúde e Deporte deseñou o Abono Active Campus Europe, un abono exclusivo para estudantado que inclúe todas as vantaxes incluídas no Abono Muver, así como as dúas revisións médico-deportivas gratuítas