DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Unidade de Igualdade convoca a VI edición dos Premios Egeria

A Universidade pon en valor os traballos de fin de grao e de mestrado que integren a perspectiva de xénero

O prazo de presentación de solicitudes manterase aberto ata o 11 de outubro

Etiquetas
  • Estudantes
  • PDI
  • Vigo
  • Igualdade
  • Premios
  • Académica
DUVI 08/10/2019

Pioneira na ruptura de roles e primeira cronista de viaxes galega, Egeria é un exemplo que se busca poñer en valor cunha nova edición dos Premios Egeria, galardóns impulsados pola Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo. É a sexta edición duns galardóns que naceron co obxectivo de incentivar a investigación en xénero e nos estudos feministas e recoñecer, divulgar e premiar aos mellores traballos destas  características.

Para Águeda Gómez Suárez, directora da Unidade de Igualdade, “a finalidade destes premios é reverter a invisibilización do xénero á hora de facer investigación científica, o que provoca moitas veces certo androcentrismo, pois escóllese o canon masculino como referente neutro, obviando así as particularidades, intereses e impactos da investigación científica nas mulleres”. A directora da Unidade de Igualdade exemplifica esta situación co que ocorre no campo da medicina, onde considera que estas pescudas "cegas ao xénero” provocan que, no caso das cardiopatías, os estudos sempre responden ao corpo masculino, cando a sintomatoloxía no corpo das mulleres é diferente, así como a proporción das doses recomendadas para o seu corpo, “o que ao final pode redundar moi negativamente na calidade dos tratamentos de saúde das mulleres”.

500 euros para os traballos fin de grao e 600 para os de mestrado

A esta VI convocatoria dos Premios Egeria poden concorrer traballos de fin de grao e de mestrado realizados na Universidade de Vigo no curso 2018/2019, sempre que tivesen unha cualificación mínima de 8. A comisión de avaliación terá en conta a calidade do traballo, a relevancia da súa temática e metodoloxía, a aplicabilidade das achegas feitas polo estudo, o uso da linguaxe inclusiva, a referenciación bibliográfica e fontes e o uso da lingua galega. Repartiranse tres premios aos mellores traballos fin de grao e tres aos mellores traballos fin de mestrado, e estarán repartidos por grupos: un no eido xurídico-social, outro no científico-tecnolóxico e outro no eido das artes e humanidades, respectivamente. Cada unha das investigacións fin de grao galardoada recibirá un premio de 500 euros. Pola súa banda, outorgarase un premio de 600 euros a cada un dos traballos fin de mestrado que resulte gañador. O prazo para a presentación das solicitudes remata o 11 de outubro.

En 2018 presentáronse a estes premios 25 traballos

Na anterior convocatoria presentáronse a estes premios un total de 25 traballos: 15 fin de grao -dez no eido xurídico-social, tres no eido das artes e humanidades e dous no eido científico-tecnolóxico- e dez de fin de mestrado: sete no eido xurídico-social, un no eido das artes e humanidades e dous no eido científico-tecnolóxico.

Galardoáronse cinco traballos realizados por tres alumnas de Vigo, unha de Ourense e unha moza e un mozo de Pontevedra e nos que se abordaban temáticas que ían dende os estereotipos de xénero nos ciclos formativos, ata o tratamento das vítimas de violencia machista ou a presenza da muller na ciencia, na arte urbana ou no cinema.