DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Primeira edición deste concurso de ideas empresariais

A Universidade premia o ‘Espírito Emprendedor’ do seu alumnado

Financiará con 2500 euros o estudo de viabilidade dos dous proxectos gañadores, que se darán a coñec

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
Noemí Rey DUVI 14/06/2011

O último informe da OCDE non é moi prometedor: só o 8% do estudantado universitario ten previsto lanzarse á aventura empresarial ao saír das aulas. Por iso, para impulsar medidas de mellora para a transición ao mercado laboral do alumnado, a Universidade de Vigo pon en marcha a primeira edición do Premio Espírito Emprendedor Universitario, un concurso de ideas empresariais dirixido a estudantes de primeiro e segundo ciclo ou grao que busca contribuír ao fomento da cultura innovadora e optimizar as accións de transferencia do coñecemento. “A innovación é algo que vai no ADN da nosa Universidade e aínda que a nosa porcentaxe de novos emprendedores está por riba da media, temos que seguir aumentando a cifra sensiblemente e traballar arreo para que os nosos universitarios visualicen máis oportunidades que as que ofrecen as corporacións ou o sistema público”, asegurou durante a súa presentación o reitor, Salustiano Mato.

Froito dun convenio de colaboración entre a Universidade de Vigo e o Ministerio de Educación, o alumnado poderá participar entre o 15 de xuño e o 14 de xullo deste ano no certame presentando unha iniciativa que desenvolva proxectos emprendedores e creativos en calquera das ramas impartidas pola Universidade viguesa, dende as artes ata as enxeñarías, porque “estamos convencidos de que é fundamentar fomentar o espírito emprendedor tanto no eido universitario como xa dende a educación primaria”, salientou Mato. Deberán ser ideas orixinais feitas por unha soa persoa ou por grupos de ata 4 integrantes e nas que primarán o carácter innovador, a creación de emprego de calidade, a potencial internacionalización, o aproveitamento de recursos dispoñibles, a súa sustentabilidade, o nivel de implicación real dos emprendedores e a responsabilidade social do proxecto.

Unha comisión de avaliación esixente

As dúas ideas gañadoras, que se darán a coñecer na segunda quincena de xullo, recibirán unha subvención valorada en 2500 euros para a análise e o estudo de viabilidade dos proxectos, aínda que non se descartan conceder mencións honoríficas a outras propostas que se consideren de elevada calidade. “As Universidades deben ser líderes naturais na necesaria achega á innovación e á iniciativa empresarial responsable, co fin de construír unha sociedade de coñecemento enmarcada nun novo modelo de crecemento económico sustentable, así como un mellor entendemento da cultura dos negocios nas universidades emprendedoras e da cultura da universidade nas empresas científicas”, sinalou José Antonio Vilán, vicerreitor de Transferencia do Coñecemento.

Na resolución do concurso participará unha comisión de valoración formada polo propio Vilán, o director da Área de Emprego da Universidade, José Ignacio Armesto, e membros de CITEXVI, da Cátedra Bancaja Jóvenes Emprendedores, do FEUGA, da Confederación de Empresarios de Pontevedra e da Asociación de Jóvenes Empresarios de Galicia. Toda a información e a documentación necesaria para participar nesta primeira edición estará a disposición dos interesados na web da Vicerreitoría.

Ser empregado, un deporte de risco

Para mostra, nada mellor que un botón. Neste caso un dedicado ao I+D+i, con 50 traballadores e que sempre deu beneficios: Imatia. Fundada por dous profesores da Universidade de Vigo e catro bolseiros, un dos seus creadores, Fernando Vázquez Núñez, explicou que o éxito se consegue con esforzo, entendendo os ciclos de mercado, planificando para chegar no momento axeitado, colaborando para paliar deficiencias típicas como a falta de financiamento e diversificando. “O caso de Google é como o de a quen lle toca a lotería, ser empresario require esforzo. Os seres humanos teñen unha aversión natural ao risco, pero forma parte da vida. Emprender implica riscos, pero traballar para outro tamén, porque podes verte na rúa con 45 anos, unha familia e unha hipoteca. As multinacionais dan unha falsa sensación de seguridade, pero ser empregado hoxe é máis arriscado que montar unha empresa”, desvelou Vázquez, animando aos asistentes a crear un proxecto propio.