DUVI

Diario da Universidade de Vigo

81 estudantes recibiron os premios fin de carreira, grao e doutoramento

A Universidade recoñece a excelencia do seu ben máis prezado

Por primeira vez entregáronse os premios extraordinarios de fin de grao

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Institucional
Bea Feijóo DUVI 27/01/2012

A emoción reinou en este acto de celebración universitaria. Pais, nais, avós e demais familiares que acompañaron aos 81 estudantes galardoados cos premios fin de carreira, grao e doutoramento 2010-2011 amosáronse orgullosos e satisfeitos ao vivir de primeira man como a Universidade de Vigo recoñecía a excelencia e o esforzo do seu ben máis prezado, o seu alumnado e corpo investigador. A secretaria xeral, Inma Valeije, foi nomeando un a un aos premiados que subiron a recoller as súas insignias e medallas, que de esta volta outorgáronse maioritariamente a mulleres, sobre todo no caso dos premios fin de carreira.

Así, dos 47 galardóns extraordinarios entregados a licenciados e diplomados, case un 70% recaeron en mulleres. Por primeira vez na historia da Universidade de Vigo, fíxose entrega da insignia aos mellores expedientes fin de grao a estudantes que cursaron titulacións que se adaptaron en bloque ao EEES, como o caso de Belas Artes, Fisioterapia ou Dirección e Xestión Pública. Ademais, un total de 27 doutores e doutoras foron recoñecidos co premio extraordinario, habendo, en este caso, unha maior presenza masculina e situándose á cabeza o ámbito tecnolóxico, con 11 condecoracións.

Aliciente para continuar a carreira investigadora

“Síntome moi satisfeita de que a institución me recoñecera cinco anos de esforzo e chegar hoxe ata aquí é para min unha enorme alegría”, salientou Laura Rodicio, licenciada en Historia e un dos premios extraordinarios fin de carreira, que considera ademais o galardón como un importante pulo para comezar a súa traxectoria investigadora. Pola súa banda, Marta Rivera, que rematou Dereito Económico co mellor expediente da súa promoción, sinalou que este premio supón unha gratificación, ademais de para ela mesma, para os seus pais “que me acompañaron nos momentos máis duros de esta etapa estudantil”.

Maribel García, licenciada en Ciencias do Mar, tamén amosou a súa satisfacción e asegurou que esta entrega de premios “é unha boa forma de incentivar ao alumnado a estudar e a esforzarse”. David Cabaleiro, enxeñeiro industrial, foi un dos 15 representantes masculinos nos premios de licenciatura e en estes momentos está a preparar a súa tese de doutoramento no Departamento de Física Aplicada da Universidade. “En este día distínguese o traballo ben feito e de longo percorrido”, apuntou, restándolle importancia á dificultade da súa carreira engadindo que “todas teñen a súa complicación e que requiren dun esforzo por parte do que a estuda”.

David Mascato, piragüista olímpico e xa licenciado en Ciencias da Educación e do Deporte, tamén recibiu a súa distinción de esta volta como premio fin de grao na titulación de Fisioterapia. "Non é doado compatibilizar unha carreira deportiva de alto nivel cos estudos, pero este galardón é a proba de que é posible", asegurou Mascato para quen o premio académico "é tan importante como un gran resultado deportivo". O piragüista que vén de abrir unha clínica de fisioterapia en O Grove incide na importancia de continúar formándose, aínda que polo momento descarta continuar os seus estudos universitarios.

Un recoñecemento a un labor “que cada vez costa máis”

En este acto de San Tomé a Universidade tamén homenaxeou aos mellores investigadores e investigadoras que o pasado curso presentaron as súas teses de doutoramento. Alfonso Rodríguez Molares, un dos condecorados pola súa investigación no eido tecnolóxico, resaltou que este premio anima “a seguir traballando nun labor que cada vez costa máis porque cada vez hai menos financiamento e menos oportunidades para o talento do noso país”.

Miguel González Loureiro, profesor en Ciencias Sociais e da Comunicación que recibiu o galardón pola súa tese realizada no Departamento de Organización de Empresas e Márketing, sinalou que a pesar de ser un premio individual “supón un recoñecemento tamén ao equipo que hai por detrás”. Pola súa banda, Mercedes Mareque, que imparte clase na Facultade de Empresariais e Turismo do campus de Ourense, recalcou que este tipo de premios “son moi valorados á hora de presentarnos ás prazas como profesor universitario”, de aí a súa satisfacción e alegría "polo traballo ben feito".