Os X Premios de Creación Artística xa teñen dono
A Universidade recoñece o talento do novos autores
Repartíronse un total de 8700 euros en diferentes categorías
Tras un difícil proceso de selección ante a cantidade de obras recibidas, os X Premios de Creación Artística xa teñen dono. Nesta edición, aberta á música, pintura, creación audiovisual e fotografía con temática libre, repartíronse un total de 8700 euros co fin de dar pulo aos novos valores nun momento marcado pola crise económica. O xurado, que tivo en conta todos os traballos amateur e orixinais, estivo conformado por membros da comunidade universitaria que, ante a aptitude de todas as obras, non deixaron ningunha categoría sen galardón.
Premios para a vista e o oído Na categoría musical foi o grupo Baldosa Amarilla, conformado por Santiago Bastos e César Costas, o que se fixo cos 1200 euros do premio grazas á peza Desequilibrio. No eido da pintura, os 1500 euros en xogo foron para Sabrina Fernández que presentou unha peza titulada El Misterio de Picasso coa que a autora pretendía “facer unha homenaxe ao xenial trazo de Picasso, xogando con materiais coma o barniz, a serigrafía ou a caixa de luces para facer unha obra que se saíse dos conceptos habituais e transmitise algo máis formal”, indica.
No caso do IX Premio de Fotografía, na que tiñan cabida obras en branco e negro ou en cor, existían dúas modalidades de participación: fotografía única e serie fotográfica, composta de tres a cinco pezas. Nesta edición foi a serie Outra visión a que fixo que o seu autor, Pablo Dapena, recibise o premio de 900 euros que estaba en xogo, mentres que Mercedes García se facía co galardón á mellor imaxe única grazas a obra Danubio Azul.
A creatividade audiovisual, unha categoría chea de posibilidades
Nesta edición, a categoría creación audiovisual ofrecía cinco modalidades de participación cun premio de 900 euros en cada unha. Na modalidade de curta narrativa, foi Rubén Lino quen recibiu o premio grazas a súa obra 28D, baseada no reencontro de dous amigos, a confesión de segredos e a confianza existente en tempos pasados. Inspirarse no Festival de Cine de Cans serviulles aos estudantes Antón Andión, Antía González e Alba Aguiar para facerse co premio na categoría de vídeo publicitario.Na modalidade de animación, o xurado outorgou o premio a Manuela Elisabeth Rodríguez e a súa obra Flying. ¿Y si fuera el momento?, unha peza de animación tradicional na que se narra a historia a través da técnica de acuarelas. Malia que era a primeira vez que Alba Blanco e Estefanía Montero presentaban unha obra a concurso, a orixinalidade do contido de Circo Infraleves cautivou ao xurado, recibindo o premio na modalidade de vídeo experimental. Como indica Blanco, “con esta obra pretendíamos transmitir que calquera elemento da vida cotiá pode esconder un circo, porque a maxia tamén existe na vida diaria”.