DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No ‘International Workshop on Nanoplasmonics for energy and the environment’

A Universidade reúne a expertos de primeiro nivel en nanoplasmónica

Será o primeiro congreso en Galicia sobre este tema e celebrarase entre o 8 e o 10 de xuño en Sanxen

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Investigación
Bea Feijoo DUVI 02/06/2011

Entre o 8 e o 10 de xuño especialistas de primeiro nivel tentarán dar un paso máis na ciencia para entender os fenómenos que suceden na máis pequena escala da materia, na nanociencia, en concreto no campo da nanoplasmónica, coa celebración do International Workshop on Nanoplasmonics for energy and the environment, en Sanxenxo. Organizado polo grupo de Química Coloidal da Universidade en colaboración coa Universidade de Osaka, representada polo profesor Tetsuro Majima, será o primeiro congreso en Galicia sobre nanoplasmónica “e probablemente o de maior nivel que se ten celebrado en España”, comenta Luis Liz-Marzán, principal coordinador do mesmo.

Durante dous días, no Hotel Carlos I, os asistentes debaterán sobre o campo da nanoplasmónica, “campo que estuda a interacción da luz con nanopartículas metálicas, as que dan lugar ás chamadas resonancias de plasmón superficial”, cuestións que están suscitando grande interese na ciencia básica “pola súa relevancia en multitude de aplicacións”, explica Liz-Marzán. Neste caso o estudo da resonancia plasmónica en nanoestructuras metálicas centrarase no eido das novas fontes de enerxía, “en concreto nas células solares”, dos métodos de detección e control medioambiental e da interacción das nanopartículas co medio ambiente.

Convidados de prestixio internacional

Trátase “dun evento de relevancia internacional no que se convidou aos especialistas máis destacados de todo o mundo”, explica Liz-Marzán. Das 29 conferencias destácase a de Mostafa El Sayed, do Georgia Institute of Technology, “un dos científicos máis recoñecidos na química-física moderna, con múltiples contribucións no campo da espectroscopía pero tamén na preparación e caracterización de nanopartículas de ouro e aplicacións na diagnose de cancro”. Tamén participa Naomi Halas, da Rice University, “estudosa do uso de nanopartículas de ouro para o tratamento localizado de enfermidades por hipertermia”; Richard Van Duyne, da Northwestern University, “un dos pais da técnica SERS que permite detección ultra-sensible” e Albert Polman e Prashant Kamat, “pioneiros no uso de nanopartículas de ouro para procesos de mellora do rendemento de células solares”.

Coa organización deste tipo de congresos “amósase o alto nivel de ciencia que se fai na nosa Universidade, o que fai posible esta capacidade de convocatoria”. Ademais de formar ao alumnado coas achegas destes científicos de relevancia internacional, “tamén creamos a posibilidade de abrir novas portas a colaboracións internacionais da nosa institución co estranxeiro”. Aparte dos conferenciantes, rexistráronse máis de 100 participantes, procedentes de oito países diferentes, “esgotando as prazas que tiñamos previstas”, conclúe Liz-Marzán.