DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O Universidade de Rugby caeu derrotado ante o Hernani pese a dominar o partido

A vindeira semana xoga na casa ante o Liceo Francés de Madrid

Etiquetas
  • Vigo
  • Deportes
D. Besadío DUVI 22/10/2007
O Universidade de Vigo de Rugby caeu derrotado esta fin de semana ante o Hernani cun resultado de 17-20, pese a que a falta de dous minutos para rematar o partido vencía ao equipo vasco por dous puntos (17-15).
O partido, dirixido polo colexiado madrileño Fernández Soria, iniciouse, pese ao poderío físico dos vascos, co dominio do equipo da Universidade, sobre todo na segunda metade. Sen embargo, a piques de rematar o partido, perdeu o balón e un xogador do Hernani conseguiu ensaiar, tras recorrer case todo o campo sen que ninguén o aplacase.
Dende o equipo local destacaron que pese á derrota remataron con moi boas sensacións, xa que, cando menos, houbo ocasión de que participasen as novas fichaxes.
Rodrigo, Santi Amorín, Iñaki, Paco, Nacho Lobón, Iván Conti, Agustín, Diego, Mera, Santi Boulin, Mauro, Alberto, Chuki , Jon Iker, Arri, Xosé , Antonio , Santi Lemos e Luis foron os xogadores que integraron o equipo vigués.
Pese á falta de veteranía dos locais para xogar o último ataque, o público despediu a ambos equipos cunha pechada ovación.
O vindeiro sábado o Vigo volve a xogar na casa, nesta ocasión fronte ao Liceo Francés de Madrid, que ocupa a primeira posición na táboa. Será as catro e media no campo de rugby do campus.