DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Organizada pola Consello Municipal da Muller, percorrerá a cidade este venres a partir das 11.00 hor

A Universidade súmase a Enlaza Vigo, a cadea humana contra a violencia de xénero

A institución únese tamén a unha campaña que distribuirá manteis cun semáforo para detectar a violen

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
M. Del Río DUVI 24/11/2011

Da man, en forma de cadea humana, amosará a sociedade viguesa o seu rexeitamento ao terrorismo machista este venres, Día Internacional contra a Violencia de Xénero. A campaña Enlaza Vigo, promovida polo Consello Municipal da Muller, e á que xa se adheriron arredor de 200 organismos e institucións da cidade, entre eles a Universidade de Vigo, culmina este 25 de novembro con esta cadea humana á que se espera asistan arredor de 2000 persoas, anónimas e da vida pública, cultural, social e política. O obxectivo é facer visible con contundencia a condena do machismo e da violencia contra as mulleres como unha das súas consecuencias máis dramáticas.

A convocatoria está fixada para as 11 da mañá con dous puntos de encontro, un enfronte do Marco, na rúa Príncipe, e outro na Praza do Rei, diante do Concello de Vigo. Ante o grande número de confirmacións de asistencia, a organización viuse obrigada nas últimas horas a ampliar o percorrido da cadea, que unía Príncipe coa Praza do Rei, a través de Eduardo Iglesias e Ronda de Don Bosco, para que continúe pola rúa Camelias, ata a Praza 8 de Maio.

En Enlaza Vigo os institutos da cidade confirmaron tamén a presenza de arredor de 1500 estudantes que percorreran estas rúas da cidade das man calquera membro da cidadanía e membros de colectivos como asociacións, culturais, veciñais e de mulleres, clubs deportivos, centros cívicos, políticos, músicos, escritores, etc. Na cadea humana situaranse 600 siluetas de muller, en representación e homenaxe ás vítimas da Violencia de Xénero que se contabilizan desde 2003 en España. Deste xeito simbólico, preténdese facer visible a traxedia que representa o terrorismo machista. Ademais, contarase coa participación da figura do 'enlace', persoas coñecidas dos ámbitos da cultura, o deporte, a política, a docencia, os medios de comunicación, as redes sociais... que, ademais de implicarse na convocatoria, cederían a súa imaxe para o uso en ferramentas de promoción e, sobre todo, no blog e nas redes sociais. Entres estes nomes atópase o músico Nicolás Pastoriza, o actor Sergio Pazos, a cantante Uxía Senlle, a actriz Uxía Blanco, o músico Miguel Costas, a rapeira Wöyza, os actores Morris e Quico Cadaval, Iván Ferreiro, o escritor Domingo Villar ...

Sobre a mesa, un semáforo contra a violencia de xénero

Coincidindo con esta data sinalada, a Universidade de Vigo, xunto coa de Santiago de Compostela e as Oficinas de Igualdade de Xénero únense a unha nova campaña nacional que porá este problema enriba da mesa. E farao en forma de manteis que se repartirán por 17 universidades públicas españolas con idéntica finalidade: detectar e previr a violencia de xénero. Os manteis, que se distribuirán en cafetarías e comedores inclúen un Semáforo contra a violencia de xénero, no que se formulan dez sinxelas preguntas de test, chamando a atención a mozos e mozas sobre situacións de alerta e de risco nas relacións de parella, derivando ao 016 como teléfono de información e axuda. Deste xeito, existe un test para as mozas, para que poidan detectar, respondendo ás preguntas, comportamentos machistas aos que poden estar sometidas e, por outra banda, outras dez preguntas para que os mozos poidan recoñecer se exercen ou non este tipo de violencia contra as mulleres.