DUVI

Diario da Universidade de Vigo

En 2011 participaron máis de 5000 cidades de 135 países

A Universidade súmase este sábado á Hora do Planeta

Apagando as súas luces de 20.30 h a 21.30 h

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
DUVI 27/03/2012

Pequenos esforzos individuais poden axudar a frear o cambio climático. Con esta filosofía botou a andar hai seis anos a Hora do Planeta, da man da Ong, WWF, unha iniciativa que chama a todos os cidadáns do mundo a implicarse co lema Apaga a luz, acende o planeta. A Universidade de Vigo leva varios anos participando na Hora do Planeta que, neste 2012, se celebra o vindeiro sábado 31 de marzo, un día no que de 20.30 h a 21.30, todos estamos convidados a apagar a luz. As instalacións dos tres campus quedaranse a escuras durante os 60 minutos adheríndose a unha mensaxe clara: “entre todos podemos salvar o planeta”. Na pasada edición participaron máis de 5000 cidades de 135 países congregándose arredor da Hora do Planeta cidadáns particulares, empresas, organismos públicos, asociacións e centros educativos de todos os niveis do ensino.

Dende WWF destacan que o xesto simbólico de apagar a luz nalgúns dos máis importantes monumentos do mundo pode remover conciencies e xerar grandes cambios se se consegue un compromiso global durante todo o ano. Por este motivo, nesta última edición elixiron como lema ir Máis alá da Hora e puxeron en marcha unha campaña de sensibilización na que se convida aos cidadáns do mundo a dar un paso máis e adoptar medidas de aforro enerxético como un compromiso para crear un modelo de vida sostible e respectuoso co medio ambiente. Entre as propostas da Ong para frear o cambio climático propoñen potenciar o transporte público, un uso eficiente dos electrodomésticos, reducir o emprego innecesario de ascensores e luces, controlar o consumo pantasma de aparellos en stand-by, decantarse por lámpadas de baixo consumo ou reducir a temperatura da calefacción. E o xeito de facelo é retando, animando aos cidadáns a retarse entre eles a manter estes compromisos e desenvolver accións a favor do medio ambiente durante todo el ano.