DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ábrese o prazo de inscrición nos Cursos de Verán 2012 do campus de Ourense

A Universidade tamén é para o verán

A convocatoria deste ano ofrece arredor de 500 prazas en nove propostas académicas

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 22/05/2012

Coa proximidade do verán o curso académico 2011/2012 entra na súa recta final. Sen embargo, no período estival a actividade continuará na Universidade de Vigo coa celebración de diferentes accións formativas entre as que destacan os tradicionais cursos de verán. No campus de Ourense, esta programación inclúe nove propostas, con arredor de 514 prazas en total, nas que se afondará nun amplo abanico de áreas do coñecemento, desde a biomasa e a historia de Inés de Castro ata a fiscalidade e os novos retos do sector audiovisual.

Os cursos de verán, financiados pola Vicerreitoría do campus de Ourense e a Deputación Provincial coa colaboración de diferentes entidades públicas e privadas, comezarán o día 5 de xuño e prolongaranse ata o 28 de setembro. Serán tres meses de actividades formativas, nuns casos no campus de Ourense e noutros en sedes externas, cuxo obxectivo principal será presentar aos asistentes un tema de interese específico e abordado en profundidade por expertos nese eido.

Variedade de temáticas

En xuño serán tres as citas formativas. A primeira delas será o curso Inés de Castro e a súa época e terá lugar na Casa da Cultura de Xinzo de Limia. Baixo a dirección de Mercedes Durany, Francisco J. Pérez e Mª Beatriz Vaquero, os participantes achegaranse á apaixonante vida desta figura histórica nada na Limia no século XIV e que de xeito póstumo foi declarada raíña de Portugal. A segunda actividade de xuño será a de Cata de viños, augardentes e licores, unha cita tradicional dos cursos de verán que coma en anteriores ocasións introducirá aos asistentes na arte da valoración sensorial de bebidas. Tamén nas aulas universitarias terá lugar o curso sobre Fiscalidade aplicada e Internet que dirixirán os docentes Alberto Vaquero e Fidel Picos e que axudará aos asistentes a aproveitar as posibilidades que lles ofrece a rede para a xestión das súas finanzas.

Os cursos de extensión universitaria continuarán no mes de xullo coa celebración de dúas iniciativas. A primeira delas, que se celebrará no Centro de Investigación, Transferencia e Innovación CITI, terá como temática central a Biomasa como unha fonte inesgotable de posibilidades e será impartido baixo a dirección de José Luis Alonso e Valentín Santos. O segundo dos cursos, dirixido por Miguel Anxo Fernández, trasladará aos asistentes a Celanova para falar da Crise vs. creatividade e os novos retos do sector audiovisual. Se a actividade no CITI será unha novidade, a que terá lugar no Concello de Celanova xa é unha tradición na programación de verán do campus de Ourense, dedicada en cada edición a unha temática audiovisual diferente.

Programación en setembro

Despois das vacacións de agosto, no mes de setembro retomarase a actividade coa celebración de catro dos nove cursos previstos en total. Un deles, dirixido por Benedicto Soto e Francisco Javier Rodríguez, terá lugar no Concello de Muíños e afondará no Ecodesenvolvemento e o medio ambiente no Xurés. As demais iniciativas terán lugar no propio campus de Ourense e terán como tema central de traballo a crise dos estudos de humanidades e a tradición do galeguismo á luz de Nós, o diñeiro e o deporte a través do cinema e a planificación e estratexias fiscais do contribuínte. Estarán, respectivamente, dirixidos por Camilo Fernández e Xosé Ramón Quintana; José Antonio Fraiz, Ángel Barajas e Patricio Sánchez, e Alberto Vaquero e Santiago Lago.

En cada un dos nove cursos pódense inscribir, desde este martes, os membros da comunidade universitaria e persoas alleas a ela que o desexen. Dependendo das características de cada proposta, o custe oscila entre os 30 e os 60 euros, con descontos para determinados colectivos, e o número de horas varía de 20 a 40, podendo optar a créditos ECTS. O número de prazas de cada curso é variable, desde as 24 do obradoiro de cata ata as 100 das sesións sobre Inés de Castro.