DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O campus de Ourense celebrará 12 cursos no período estival

A Universidade, tamén en verán e para todos os públicos

Abranguen temáticas moi diversas, desde as competencias directivas ata a cata de viños

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 24/05/2011
Chega o verán, rematan as clases e a maior parte da comunidade universitaria agarda ansiosa a chegada das vacacións. Sen embargo, tamén hai quen quere aproveitar este período estival para facer algún curso. Para eles, sexan ou non estudantes, as aulas universitarias tamén estarán abertas. Será a través dos cursos de verán. O campus de Ourense oferta este ano 12, cada un deles dunha temática diferente, desde aprender a catar viños ata a xestión de espazos naturais. En total case 700 prazas a disposición da comunidade universitaria e de fóra dela a prezos que oscilan entre os 8 e os 75 euros.

A programación deste ano mestura novas propostas coa reedición de cursos que se veñen realizando nos últimos anos e que xa están consolidados. Entre as proposta que repiten están o A fiscalidade sobre a renda das persoas físicas: liquidación do IRPF e do ISD e Planificación, estratexias e comportamento fiscal do contribuínte. Tamén repetirá o curso Cata de viños, augardentes e licores. Ademais, as aulas do campus de Ourense acollerán por primeira vez o Curso de competencias directivas e as iniciativas Deporte, empresa e sociedade: a economía do deporte a través do cine e Mulleres, coidados, benestar social.

Seis cursos fóra do campus

Nesta edición destaca a celebración dun elevado número de cursos, concretamente a metade deles, fóra do campus de Ourense. Deste xeito, Xinzo de Limia acollerá en xuño Castros de interior: a Idade de Ferro do noroeste peninsular a través do exemplo limiao e Celanova será o escenario do VII Curso audiovisual de Celanova. Cine galego: entre o obxecto identitario e a produción low cost. Allariz, co curso A tradición oral galega e portuguesa: metodoloxía e tratamento das fontes, e Muíños, con Os espazos naturais protexidos e a súa xestión, serán outros dos escenario dos curso de verán 2011.

Seguindo coa súa filosofía de integrar o campus coa cidade, o Ateneo de Ourense acollerá outras dúas iniciativas de formación, como son Relixiosidade e laicismo na sociedade do século XXI e Cultura e sociedade da Galicia do século XXI. XIII Curso de antropoloxía cultural de Galicia.

O prazo para inscribirse aos cursos, en cuxo patrocinio participan a Vicerreitoría do Campus, a Deputación Provincial de Ourense e o Consello Social da Universidade de Vigo, ademais das diferentes entidades que colaboran en cada iniciativa, xa está aberto para os membros da comunidade universitaria e de fóra dela.