O campus pontevedrés acolle a vixésima edición da Gala do Deporte o 19 de maio
A Universidade vestirase de gala para recoñecer a excelencia deportiva
O atleta Manuel Rosales será o padriño do acto que presentará o actor Carlos Blanco
Música, humor e espectáculo uniranse o próximo xoves día 19 de maio para celebrar a vixésima edición da Gala do Deporte da Universidade de Vigo, un acto de recoñecemento público aos mellores deportistas da institución, no que se premia tanto os seus logros deportivos como o seu esforzo. Este ano celebrarase no campus de Pontevedra, en concreto no salón de actos da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, organizado polo Servizo de Deportes e a Vicerreitoría do campus coa colaboración do Consello Social da Universidade. O acto deste ano será apadriñado polo atleta veterano Manuel Rosales e presentado polo actor Carlos Blanco en colaboración coa actriz e profesora da Universidade, Mariana Carballal.
Como explica a vicerreitora do campus, Antonia Blanco, este tipo de actos poñen de manifesto “o compromiso férreo que a Universidade ten co deporte e, por ende, coa saúde da súa contorna”, ademais de darlle proxección pública “a toda a comunidade universitaria implicada neste eido, recoñecendo as súas achegas e esforzo diario”. Que o evento se celebre no campus pontevedrés supón “unha ilusión e unha motivación moi grande, contando cunha implicación moi personalizada dos profesores da titulación de Ciencias da Educación Física e do Deporte”.
O momento máis esperado da gala será a entrega dos Premios á Excelencia Deportiva, para os que o xurado ten en conta tanto o expediente deportivo como académico dos seleccionados. No curso 2010-2011 os alumnos propostos foron, na categoría feminina, Estefanía Domínguez, Lúa Piñeiro e Elda Miramontes, e na masculina, Alfonso Palomanes, Fernando Rascado e José Luis Puentes, dándose a coñecer ao gañador de cada categoría o próximo xoves. A Gala do Deporte tamén premiará o labor no eido deportivo do sector PDI e PAS, aos deportistas da institución que tiveran conseguido algunha medalla nos campionatos de España universitarios, aos equipos federados, ademais da entrega de condecoracións especiais que poñan en valor o traballo de persoas que loitan para promover a práctica do deporte.