DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A cifra supón un descenso dun 4,60% con respecto a 2010

A Universidade de Vigo afronta o 2011 cun orzamento reducido a 167 millóns de euros

O derradeiro Claustro do ano analiza unhas contas na que a principal partida se dedica a persoal

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
D. Besadío DUVI 13/12/2010
167,2 millóns de euros, este é orzamento co que conta a Universidade para o vindeiro ano, unha cifra que supón unha redución do 4,60% con respecto ao actual exercicio, no que a cantidade ascendía a 176 millóns de euros. En verbas do vicerreitor de Economía e Planificación, Xosé Manuel García, encargado de presentar ao Claustro as liñas xerais do documento será “un orzamento moi restritivo en canto aos gastos, pero é a única posibilidade para manter esta Universidade no bo camiño”, sinalou en relación á necesidade de manter a política de austeridade iniciada o curso pasado.

Nunha sesión marcada pola valoración de resultados do Plan de Financiamento do Sistema Universitario Galego, aprobado o pasado venres, o reitor, Salustiano Mato, defendeu o apoio a este documento, “porque contén todo o que propuxo a Universidade” en relación a que o financiamento por obxectivos e resultados se fará realidade no 2015, cando o 30% do total do orzamento das universidades galegas se rexa por estes criterios “algo polo que estaremos velando para que se cumpra ao pé da letra”. Esta visión non foi compartida por Nova Universidade, para quen “a Universidade perdeu, sexa cal sexa o baremo de medición”, tal como subliñaron Jaime Cabeza, o líder da formación, e o profesor Enrique Barreiro, quen insistiu en que se trata dun “documento de vaguidades máis que de prioridades”.

En relación tamén ao novo plan de financiamento, o vicerreitor de Economía subliñou que por primeira vez se contempla unha partida de financiamento por resultados docentes, de investigación e de transferencia e tamén se contempla unha partida de financiamento por mellora da calidade (5% do total de recursos) que se vencella á eficiencia na xestión. “Tendo en conta a actual situación económica, a dotación de recursos para 2011 merece unha valoración positiva”, se ben subliñou que “adoece dunha falta de compromiso suficiente para o horizonte contemplado polo plan”.

Persoal e gasto corrente, principais partidas

Co novo Plan de Financiamento aprobado, as achegas que non dependan da concorrencia competitiva que percibirá a Universidade no ano 2011 sufrirán unha redución do 2,24% en relación ao ano 2010. Fronte a isto, a institución incrementará os ingresos previstos ao ter logrado o recoñecemento de Campus de Excelencia Internacional para o proxecto Campus do Mar.

Polo que respecta aos gastos previstos para o 2011, o persoal segue sendo a principal partida económica (un 56,47% do orzamento), se ben esta partida sufre tamén unha redución de case un 5% con respecto ao 2010, “como consecuencia do recorte salarial aos empregados públicos”, tal como lembrou o vicerreitor de Economía. Tamén entre os principais gastos está o gasto corrente, que padecerá unha redución dun 15,43%, “algo para o que temos previsto substituír as asistencias técnicas por servizos propios e centralizando as compras e subministracións”, subliñou García Vázquez.

En canto ás liñas xerais de actuación, o reitor subliñou que “reflicten as apostas deste equipo de goberno, pero sen esquecernos do difícil contexto financeiro”. Neste sentido subliñou a necesidade de adecuar a Relación de Postos de Traballo ás necesidades actuais da institución, así como a necesidade de potenciar os programas de consolidación de investigadores, seguir dotando de recursos á Oficina de Relacións Internacionais e manter o compromiso coas bolsas de estudantes, cunha dotación orzamentaria de máis de 2 millóns de euros.

O ano do Campus do Mar e da adaptación completa ao EEES

O derradeiro Claustro do ano serviu tamén para o que o reitor presentase o informe anual, no que debullou os feitos máis sobranceiros dun curso “no que o Campus do Mar foi recoñecido co selo de CEI coa máxima dotación económica, 5,3 millóns de euros, e no que o proxecto xa iniciou a súa andadura internacional”. Foi tamén, tal como lembrou o reitor, o curso no que todas as titulacións se adaptaron ao EEES e no que se creou a nova Escola de Enxeñería Industrial, ao que se referiu coma “o noso buque insignia”, en relación a que se converterá nun centro de referencia en Galicia.

Polo que respecta á matrícula, Mato subliñou que se cubriron o 92% das prazas “síntoma claro de que estamos moi preto de acadar o equilibrio entre oferta e demanda”, subliñou, ao tempo que indicou que este ano a cifra de matriculados acada os 23.106 estudantes, o que supón un incremento “de aproximadamente o 3% con respecto ao curso anterior”.

No capítulo referido á Investigación e Transferencia, Mato subliñou que no último curso a Universidade participou en proxectos europeos por máis de 2,5 millóns de euros e contratou actividades de I+D por 7,2 millóns de euros, un 75% con empresas. “Ademais, tramitamos 23 solicitudes de patentes e creáronse 5 empresas de base tecnolóxica e 2 máis titorizadas”, recalcou o reitor, que tamén lembrou a creación do centro AtlanTic, que reunirá os 152 investigadores do agrupamento Acetic, e da Asociación Economics for Energy sobre como economía da enerxía.

As infraestruturas tiveron tamén un papel destacado na intervención de Mato quen subliñou que, en Vigo, o Modulo Tecnolóxico Industrial, MTI, e CITEXVI están a piques de rematarse, e en Pontevedra, en apenas un mes comezará a funcionar a escola infantil, mentres que en Ourense están a piques de inaugurarse un campo de fútbol rugby e as pistas de atletismo.

Duras críticas da oposición e dos sindicatos

O líder de Nova Universidade, Jaime Cabeza, empregou a quenda de réplicas para realizar duras críticas á política de xestión de cargos posta en marcha polo actual equipo de goberno. “Creo que non foi leal canda falou de diminuír o aparataxe de cargos”, subliñou en relación “ao incremento do persoal eventual de confianza”. Cabeza, que propuxo a creación dun novo marco regulador para as oficinas de emprego da Universidade, subliñou tamén a necesidade de dotar de normativa a creación de Empresas de Base Tecnolóxica e as spin-off, así como a necesidade de nomear un novo presidente para o Tribunal de Garantías, “unha persoa de consenso”, un aspecto que o reitor se comprometeu a incluír na orde do día do seguinte Claustro.

En representación da CIG, Sergio Pajares e Xan Cebro lembraron que Vigo é a universidade de Galicia con peores ratios de funcionarización “o que, sen dúbida, contribúe a decadencia da institución”, subliñou Pajares, quen fixo fincapé en que estas carencias se reflicten sobre todo no persoal das bibliotecas.

Outros puntos

Nesta derradeira sesión do Claustro de 2010 aprobouse por asentimento o informe sobre a creación do centro de Investigación AtlantTIC, Atlantic Research Center on Information and Comunication Technologies. Ademais deuse tamén o visto e bo ao cambio de denominación da EU de Fisioterapia, da ETS de Enxeñeiros de Telecomunicación e da Escola Universitaria de Enxeñería Técnica Forestal, que pasan a denominarse Facultade de Fisioterapia, Escola de Enxeñaría de Telecomunicación e Escola de Enxeñaría Forestal, respectivamente. Por outra banda, tamén se presentou o informe sobre a creación do centro único Escola de Enxeñería Industrial que, con dúas sedes, unha na cidade e outra no campus, substituirá ás actuais ETS de Enxeñeiros Industriais e EU de Enxeñaría Técnica Industrial.