DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Coincidindo cos XXII Xogos Galaico-Durienses

A Universidade de Vigo aposta pola modalidade deportiva de orientación

Cunha proba de iniciación no Lago de Castiñeiras

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Deportes
Ana Terceiro DUVI 15/11/2007

Os vindeiros 21 e 22 de novembro, e coincidindo coa celebración dos Xogos Galaico- Durienses, terá lugar no lago de Castiñeiras (Marín- Vilaboa) unha proba de iniciación ás carreiras de orientación organizada pola Universidade de Vigo. O seu obxectivo é “dar a coñecer o deporte de orientación dentro da comunidade universitaria”, segundo comentou Alexandre Sanjorge do Servizo de Deportes da Universidade, na presentación desta actividade no Museo Torres de Marín.
Ao desenrolarse nun entorno natural, esta modalidade deportiva, en auxe no noso país, fomenta o respeto pola natureza e “a idea do deporte como unha linguaxe universal que contribúe á integración das persoas sen importar a súa condición social, idade ou sexo”, engadiu o representante do Servizo de Deportes. Por este motivo, a Universidade aposta polo fomento de actividades con escolares en relación con este deporte, a través de visitas a circuitos de orientación, charlas sobre este deporte nos colexios ou todo tipo de actividades para aproveitar o compoñente educativo de respeto á natureza e aos demais que ten esta disciplina.

A competición

Poderán participar neste campeonato todos os membros das comunidades universitarias (estudantes, persoal de administración e servizos, docentes e investigadores) sen ningún límite de idade. Os equipos estarán formados por dous corredores masculinos e dúas corredoras femeninas. As inscripcións realizaranse a través dos Servizos de Deportes de cada unha das universidades participantes (Vigo, A Coruña, Santiago de Compostela, Porto, Minho, Tras-os-Montes e Alto Douro). Realizaránse dou días de carreiras a pé por categorías, o primeiro día a media e o segundo día a clásica. Estableceranse dúas clasificacións, unha individual que resultará da suma de puntos dos dous días, e unha de universidades, que resultará da suma de puntos das catro mellores puntacións dos dous días de cada universidade, dúas da categoría feminina e dúas da masculina.

Na presentación da proba tamén estiveron presentes o Tenente alcalde de Marín, Manuel Rubial; o responsable de orientación das Universidade de Vigo, José Luis Armada Luaces; o presidente da Mancomunidade de Montes do Morrazo, Daniel Rosales; e o presidente da Comunidade de Montes de Santa Cristina, Sergio Martínez Carracelos. Todos eles mostraron o seu agradecemento coa Universidade por contar cos terreos do Concello de Marín para a realización desta actividade.

Xogos Galaico-Durienses

A Universidade de Vigo organiza unha vez mais os Xogos Galaico- Durienses, que terán lugar no campus de Pontevedra entre os días 20 e 22 de novembro. Esta competición, que comezou en 1993 na Universidade da Coruña, celebra a súa XXII edición con varios deportistas das modalidades mixtas de baloncesto, fútbol sala, voleibol, orientación, tenis de mesa, duatlón cross e xadrez. Participarán a redor de 50 alumnos por cada unha das seis universidades de Galicia e do Norte de Portugal, un total de 300 deportistas.