DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O Consello de Goberno aprobou o seu nomeamento como delegado na organización da ONU

A Universidade de Vigo entra na FAO da man do programa IPez deseñado polo profesor Cástor Guisande

Luz verde á creación da Escola de Enxeñería Industrial e un acordo para a modificación da RPT

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría DUVI 13/10/2010

O profesor do Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal da Universidade de Vigo, Cástor Guisande, converteuse hoxe e trala aprobación do seu nomeamento por parte do Consello de Goberno, no representante da Universidade de Vigo na Organización das Nacións Unidas para a Agricultura e a Alimentación (FAO). Un nomeamento que ten a súa orixe na solicitude de colaboración por parte da FAO á Universidade para desenvolver e aplicar ferramentas específicas que permitirán cambiar o sistema de identificación de especies de peixes de xeito fácil e accesible en calquera parte do mundo. “Para eles é moi importante”, asegurou o reitor no Consello de Goberno, “e para nós é salientable que a Universidade de Vigo se visibilice na FAO e que as ferramentas deseñadas polos nosos investigadores poidan estar ao servizo desta organización internacional”.

Este foi un dos asuntos abordados na sesión de Consello de Goberno celebrada hoxe e na que tamén se deu luz verde á creación da Escola de Enxeñería Industrial. Así mesmo o reitor Salustiano Mato, trasladou aos integrantes do Consello as súas expectativas cara á avaliación á que o Campus de Mar será sometido a vindeira semana para a súa conversión en Campus de Excelencia Internacional. “Imos con moita ilusión e coa conciencia tranquila do traballo ben feito”, dixo Mato que tamén agradeceu o traballo desenvolvido pola comunidade universitaria para mellorar a candidatura. O reitor que lembrou que será o día 21 de outubro cando se coñeza a resolución do Comité Internacional, asegurou que “pelexaremos para seguir adiante con este plan estratéxico da Universidade”.

IPez, a aposta da FAO para a identificación de peixes adultos

IPez comezou a cobrar forma hai catro anos e hai un ano e medio que funciona no enderezo www.ipez.es. O obxectivo principal do programa é a identificación de peixes adultos a nivel de especie e en base a variables morfométricas, unha identificación que se pode realizar a través do datos existentes nun arquivo ou introducindo datos por pantalla. “Trátase” explica Cástor Guisande “de implementar un sistema a nivel internacional no marco da FAO e que o poida utilizar calquera persoa do mundo”.

Foi a propia Organización das Nacións Unidas para a Agricultura e a Alimentación a que hai ano e medio entrou en contacto con Guisande interesándose polo programa IPez que segundo o profesor “é unha ferramenta informática que facilita o proceso de identificación de peixes a xente non experta”. A toma de medicións morfométricas dos individuos de xeito rápido e a incorporación dos datos ao ordenador ; a creación dun arquivo de datos e a identificación das especies, son algunhas das funcións do programa IPez no que Guisande é o encargado de coordinar as accións. Ademais a partir da aprobación realizada hoxe polo Consello de Goberno o profesor do Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal será o representante da Universidade de Vigo na FAO.

Paso adiante na creación dunha nova escola e cambios de denominación de centros

O que se converterá no primeiro centro de Galicia en número de estudantes e titulacións ofertadas, a Escola de Enxeñería Industrial, recibiu hoxe o visto e prace do Consello de Goberno para formalizar a súa creación, un proceso que rematará previsiblemente nuns meses coa autorización da Xunta de Galicia, despois de recibir as correspondentes aprobacións do Consello Social e o Claustro da Universidade de Vigo.Tras un período de alegacións no que non se produciu ningunha, o Consello de Goberno aprobou hoxe por unanimidade a creación da que con preto de 5000 estudantes, 350 docentes e 15 departamentos implicados, será a maior centro do Sistema Universitario de Galicia. A Escola de Enxeñería Industrial, nacida da fusión da Escola Universitaria de Enxeñería Técnica Industrial e da Escola Técnica Superior de Enxeñeiros Industriais, será unha realidade nuns meses cando a Xunta de Galicia dea o seu visto bo a un centro no que a día de hoxe unha comisión xestora traballa en todos os aspectos derivados do proceso de unificación das dúas escolas.

Non á creación pero si ao cambio de denominación de tres centros tamén lle deu luz verde hoxe o Consello de Goberno. Así a Facultade Fisioterapia, a Escola de Enxeñaría de Telecomunicación e a Escola de Enxeñaría Forestal, serán as novas denominacións das ata o de agora EU de Fisioterapia, ETS de Enxeñeiros de Telecomunicación e ETS de Enxeñaría Técnica Forestal.

Acordo entre Universidade e Xunta de Persoal sobre a modificación da RPT

O acordo acadado entre a Universidade a Xunta de Persoal para modificar a relación de postos de traballo (RPT) do persoal funcionario de administración e servizos para a adecuala ás necesidades actuais da estrutura do goberno, foi outra dos asuntos aprobados polos integrantes do Consello de Goberno. Froito desta modificación créanse catro novos postos de xefatura de negociado, desaparecendo catro postos de libre designación que ata o momento prestaban servizo nas vicexerencias de Ourense e Pontevedra e en dous vicerreitorías que desaparecen ao adscribirse as súas funcións a outros (Vicerreitoría de Titulacións e Converxencia Europea e Vicerreitoría de Planificación).

Así mesmo o posto base da quenda de mañá na Secretaría do reitor transformarase nun posto de libre designación e créase un posto de libre designación na queda da tarde. O acordo tamén contempla o acceso de persoal de administración e servizos ás direccións de área de Descentralización, Xestión Académica, Normalización e Igualdade.
Precisamente o reitor, Salustiano Mato, informou hoxe ao Consello de Goberno que será Anabel González Penín, ata o de agora, Xefa do Negociado de Seguros Sociais, a nova directora da Área de Igualdade. O reitor tamén deu conta dos nomeamentos de Antonio García Pino, como comisionado de Novos Proxectos e de Xavier Martínez Cobas como comisionado de Plans Estratéxico, nomeamentos estes últimos que o voceiro de Nova Universidade, Jaime Cabeza, rexeitou asegurando que “non son procedentes nin xustificables nunha época de axustes”. Unhas recriminacións ás que o reitor respondeu recordando a Cabeza que estes nomeamentos xa estaban aprobados con anterioridade dentro da redución dun 45% operada polo novo goberno nos altos cargos da institución que segundo Mato “intentaremos axustar aínda máis”.Na sesión celebrada hoxe a vicerreitora de Organización Académica, Margarita Estevez, tamén deu conta don nomeamento de Jesús Castro como director da Área de Estudos de Grao; de Elena Alonso como directora da Área de Estudos de Posgrao e de Javier Pérez Guerra como director da Área de Profesorado.
Pola súa banda o Consello de Goberno aprobou o nomeamento de Luis Míguez Tabarés como delegado do reitor da Escola Naval Militar de Marín.