DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Primeira reunión de traballo cos centros de Tras-os-Montes e Alto Douro e o Politécnico do Porto

A Universidade de Vigo estreita lazos con Portugal a través da auga, o turismo e a alimentación

O 14 de novembro asinarán o memorandum a través do que se procurará a creación dun mapa de dobres ti

Etiquetas
  • Ourense
  • Institucional
Noemí Rey DUVI 22/10/2014

Dobres titulacións de grao e proxectos de investigación cos que captar estudantado e achegas económicas para o Campus da Auga. Estas foron as principais liñas desenvolvidas na primeira reunión de traballo entre a Universidade de Vigo, a Universidade de Trás-os-Montes e Alto Douro (Utad) e o Instituto Politécnico do Porto (IPP), un proceso de colaboración xurdido tras o I Encontro Interrexional entre estes centros e liderado polo campus de Ourense que comeza a dar os primeiros pasos arredor do ámbito académico e de investigación.

Neste encontro xa se marcou a primeira data do calendario: o 14 de novembro, no que representantes das tres universidades acudirán a Porto para a sinatura do memorandum de acordo que permita analizar a oferta académica das tres entidades e facer un estudo comparativo de que titulacións se poden compartir ou complementar e que iniciativas de mobilidades se poden promover.

“Avanzamos no mapa de dobres titulacións entre IPP e a Universidade de Vigo-Campus da Auga, agora queda concretar se as nosas propostas son acaídas para os seus intereses para poder seguir avanzando”, asegura o Vicerreitor do campus, Virxilio Rodríguez. O vindeiro paso será unha reunión de traballo a partir do 17 de novembro en Porto. Durante a xuntanza aproveitouse para abrir esta mesma metodoloxía de traballo sobre unha dobre titulación de grao cos centros de Trás-os-Montes e Alto Douro.

Esta nova toma de contacto levouse a cabo coa presenza do Vice-Presidente do IPP, Orlando Fernandes, e o Presidente da Escola Superior de Estudos Industriais e Gestão do IPP, Flávio Ferreira; o Vicerreitor para a Ciencia, Tecnoloxía e Innovación da Utad, António José Rocha Martins; o director da Área de Planificación do campus de Ourense, José María Faílde; a responsable do ámbito académico Susana Álvarez e a do Clúster 2 de investigación do Campus da Auga, Elisa Alén.

Workshop en tres áreas

A sinatura do memorandum en Porto coincidirá coa celebración dun workshop no que participarán investigadores das tres universidades para levar adiante tres paneis simultáneos: un sobre turismo liderado polo IPP; outro relativo a alimentación que desenvolverá a Utad e un terceiro capitaneado pola Universidade de Vigo relativo á auga “desde un punto de vista científico, experimental e xurídico social e como termo xenérico que engloba dende o control de calidade ou a xestión da auga como recurso ata a súa aplicación en determinados produtos”.

Afondando na investigación

Co Campus da Auga como marco xeral, durante a xuntanza presentouse o proxecto ás universidades lusas coa idea de colaborar no futuro como socios en distintos proxectos de investigación que se poidan presentar a convocatorias europeas que sirvan tanto para achegar financiamento ao programa como para captar estudantado. Deste xeito, a finais deste mes membros do Intituto Politécnico do Porto visitarán o campus para perfilar xunto con Elisa Alén unha posible liña de investigación en temas de termalismo que aglutine ás tres universidades.