DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O equipo vigués está a un punto da salvación

O Universidade de Vigo Iveco loitará este domingo en Valladolid por acadar a permanencia

Non poderá contar con Mariano Berlande, sancionado pola federación

Etiquetas
  • Vigo
  • Deportes
D. Besadío DUVI 13/04/2012
Un punto bonus chegaralle esta fin de semana ao Universidade de Vigo Iveco para garantir a permanencia na máxima categoría. Será un partido transcendental ante o líder da División de Honra, o VRAC Quesos Entrepinares, o mellor equipo da liga pero que en Vigo recibiu cinco ensaios. A gran cita será ás 12.30 h en Valladolid e o equipo atópase inmerso na preparación dun partido que se prevé “aberto, entretido e cunha gran cantidade de ensaios, dado o estilo de xogo de ambos equipos”.

De acadar o ansiado punto, o equipo vigués non dependerá do resultado do partido de Sanitas Alcobendas ante Getxo. A pesares da prudencia en canto aos cálculos matemáticos, o Universidade de Vigo Iveco ten cinco puntos de vantaxe sobre o Sanitas Alcobendas, que debe ganar ao Getxo en Madrid e, ademais, con punto bonus. “Se así fora e o equipo vigués non sacara ningún punto, tería unha vitoria máis que, ao empatar en puntos, sería o primeiro dato para o desempate”, sinalan dende o equipo.

Á vista dos resultados acadados nos últimos partidos da liga, nos que o Universidade de Vigo Iveco sacou sete puntos bonus nas últimas seis xornadas, ademais dunha vitoria, con un xogo ascendente, e partidos perdidos case no derradeiro minuto e por escaso marxe, dende o equipo son optimistas e consideran que todo parece decantarse para o lado vigués. “A maiores, na súa visita a Vigo do VRAC, o Universidade de Vigo Iveco conseguiu un bonus ofensivo”, engaden dende o equipo.

Pola súa parte, o Sanitas Alcobendas deberá enfrontarse ao Getxo que marcha en sexta posición con dous puntos de vantaxe sobre El Salvador, e que debe gañar para garantir a súa participación nos play-off polo título, no que participan os seis primeiros. Caso de perder e de que gañase El Salvador, Getxo quedaría fóra, o que desde Vigo ven como “botar pola borda os excelentes resultados acadados nas últimas xornadas”.

Berlande, amonestado

Unha tarxeta amarela durante o partido ante La Vila custoulle a Mariano Berlande ser sancionado cun partido e perderse a derradeira cita da liga, polo que Monreal deberá refacer a segunda liña da melé para reemprazar ao arxentino que foi titular en todos os partidos da temporada.