DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Estreáranse este domingo en Alacante na División de Honra

O Universidade Vigo Iveco Rugby abre as portas a un “ano histórico para o rugby galego”

O novo equipo anima aos vigueses a acudir aos seus partidos no campus

Etiquetas
  • Vigo
  • Deportes
D. Besadío DUVI 08/09/2011
“Estamos ás portas dun ano histórico para o rugby galego, xa que por primeira vez, un equipo galego xogará na máxima categoría do rugby nacional”. Así de contundente se amosou Ramón González Babé, presidente do Universidade Iveco Vigo Rugby Club, na presentación oficial do equipo para esta tempada, un acto no que estivo acompañado por todo o cadro de xogadores, moitos socios simpatizantes e polos representantes daquelas institucións que fan posible esta realidade, en especial, salientou, “á Universidade de Vigo, xa que este é o vixésimo cuarto ano de apoio ao noso proxecto, e a Iveco, o noso outro eixe fundamental ”.

Precisamente dende a Universidade, o vicerreitor de Economía e Planificación, Xosé Manuel García, reiterou, “unha vez máis”, que a Universidade seguirá “a apoiar un equipo co que comparte a mocidade e o afán de superación e ao que lle desexa o maior dos éxitos”, ao que engadiu que “para unha institución que procura a excelencia o deporte está a ser unha fonte inesgotable de satisfaccións que se suceden en forma de títulos”. Tamén dende o Iveco, todo foron bos desexos “pois falar deste equipo é falar de deporte en estado puro”, salientou Emilio Pérez, conselleiro delegado da empresa Pérez Rumbao Iveco, que asegurou que se se repiten os resultados da anterior tempada “daremos por bo o esforzo económico que a empresa está a facer”.

31 xogadores para “consolidarse na máxima categoría”

O novo equipo, formado por 31 xogadores con idades comprendidas entre os 37 e os 19 anos, debutará este domingo na División de Honra. Será a súa estrea na máxima categoría nacional e farao ante o CR La Vila, unha cita anticipada no calendario debido aos compromisos internacionais na escuadra alacantina. O reto é grande “pero non me cabe dúbida de que con todo o traballo e ilusión que achegaremos cada un de nós ímolo afrontar con grandes expectativas e gozando do noso mellor rugby”, destacaba David Monreal, director deportivo do club.

Entre os principais obxectivos para esta tempada o Universidade Iveco tratará de consolidarse na máxima categoría, “algo que servirá de referente ao resto de categorías do club e axudará a seguir consolidando a cultura deste deporte na cidade”, subliñou o presidente, que destacou a aposta firme por afianzar todos os estamentos do club, cun esforzo especial nas categorías inferiores “eixe fundamental no que se asenta o noso proxecto”.

Reforzos internacionais

Durante a presentación animouse tamén a todos os galegos e, especialmente aos vigueses, a que se sumen a este proxecto e acudan aos partidos, un aspecto no que fixo especial fincapé o concelleiro de Deportes, Manel Fernández, quen lembrou o orgullo que supón para a cidade contar cun equipo “tan potente e tan internacional”, en referencia ao amplo número de xogadores estranxeiros que este ano militan no cadro vigués e que supoñen case un terzo do total de xogadores.

Tres neozelandeses (Roy Griffin, Josh Hamilton e Riki Tutaki), dous gregos (Basilis Katsacos e Nikolas Mavreas), un australiano (Carlos Blanco), un italiano (Leonardo Innachieri), un arxentino (Mariano Berlande), un francés (Jean Bruder), un inglés (Daniel Hall) e moitos españois dan forma a un equipo que dende este domingo e ata o vindeiro 15 de abril de 2012 tentarán “seguir coa mesma filosofía que nos levou a alcanzar a tan codiciada División de Honra, mantendo sempre un xogo creativo e empregando o balón ao máximo”, remarcou Monreal.

Os bos desexos viñeron tamén da Deputación de Pontevedra, en verbas da deputada Marta Iglesias, que non dubidou en ratificar o compromiso da institución co equipo, e da Xunta de Galicia, cuxo coordinador de Deporte Escolar, Guillermo Reinaldo, se dirixiu aos xogadores para lembrarlles que “vós sodes os protagonistas e os que tedes nas vosas mans que este club sexa cada vez máis forte”