DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Un punto bonus fronte ao VRAC Quesos Entrepinares deulle a permanencia na División de Honra

O Universidade de Vigo Iveco seguirá unha temporada máis entre os grandes do rugby español

Etiquetas
  • Vigo
  • Deportes
DUVI 16/04/2012
Por segundo ano consecutivo o Universidade de Vigo Iveco militará na máxima categoría do rugby español tras acadar no derradeiro partido da temporada fronte ao VRAC Quesos Entrepinares o bonus que precisaba para manterse na División de Honra. Quedan atrás uns meses moi intensos para o equipo de Monreal e Maxell que no seu debut na elite do rugby nacional tivo que facer fronte a rivais moito máis experimentados e con orzamentos moi superiores. Tras 18 xornadas o Universidade acadou dúas vitorias, encaixou 16 derrotas e sumou 22 puntos, un balance que agora poderá ser analizado en profundidade polos responsables do equipo que tamén deberán confirmar a viabilidade dun proxecto deportivo ao que as dificultades económicas poderían facer perigar a súa continuidade na máxima categoría do rugby nacional. O que quedou claro trala finalización nas últimas horas do campionato de División de Honra é a marcha de tres dos xogadores do equipo vigués como son: Alberto Mera, Iñaki Román e Diego González que puideron ver cumprida a súa aspiración de participar no debut na elite do rugby nacional do Universidade de Vigo Iveco.

Un bonus que vale a permanencia

No encontro que pechou a fase regular da Liga Renfe División de Honra disputado no Pepe Rojo, el VRAC Quesos Entrepinares e o Universidade de Vigo Iveco protagonizaron un festival anotador que rematou cos locais no máis alto da táboa e os visitantes salvados na súa temporada de debut na máxima categoría do rugby nacional.
A pesares da diferenza acadada no marcador final por ambos equipos, 55 a 26, o Universidad de Vigo Iveco foi quen de acadar o punto bonus que precisaba para asegurar a súa salvación nos últimos minutos do partido tras conseguir o cuarto ensaio a través de Adolfo Rodríguez Uruburo que saíra no segundo tempo e que tras unha xogada persoal pola esquerda escapou de varios xogadores e apoiou baixo os paus.

Tras un bo inicio do encontro por parte do Universidade, o líder espertou e foi quen de ir aproveitando ocos e apoiando ensaios. Sen embargo o esforzo e as ansias dos vigueses por acadar o bonus que precisaban para asegurar a permanencia, non evitaron unha contundente derrota, pero si a consecución por parte de Uru do tan necesario punto para continuar na División de Honra por segunda temporada consecutiva.