DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Baixo a dirección de José Luis Legido

A Universidade de Vigo lidera un proxecto de investigación específico sobre termalismo

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
DUVI 05/11/2007
A Universidade de Vigo en colaboración coa da Coruña conseguiu un proxecto de investigación específico no campo do termalismo. O proxecto, patrocinado pola Dirección Xeral de Industria da Xunta, consta de dúas partes ben diferenciadas. Por unha banda, unha consiste en deseñar un peloide (barros, fangos e limos...) que poida servir aos balnearios para mesturar coa súa auga minero-medicinal e ser aplicado en persoas para tratamentos terapéuticos. Por outro lado, a segunda parte do proxecto é máis médica e consiste na avaliación dos efectos destes barros e limos.
Desde a Universidade de Vigo, o profesor José Luis Legido dirixirá o deseño do peloide mentres que desde a Universidade da Coruña procederase á avaliación de dito material. “Para a Universidade é un logro conseguir este proxecto, ata agora había investigacións relacionadas co mundo turístico pero nunca específicos do termalismo. Isto supón unha porta aberta de cara a moitas máis investigacións neste ámbito” comentou Legido, no acto inaugural do I Congreso Iberoamericano de Peloides. Este proxecto, que parte dunha arxila inicial que será tratada con certas sustancias para que aporte o máximo poder termoterápico, está dirixida fundamentalmente a patoloxías de tipo articular aínda que tamén pódese empregar en dermatoloxía.

I Congreso Iberoamericano de Peloides

Sobre este mesmo tema, celebrarase ata o 7 de novembro o I Congreso Iberoamericano de Peloides que se inaugurou este luns no Talaso Atlántico de Baiona. Esta xuntanza contará coa participación de 75 expertos de distintos países iberoamericanos, franceses e italianos en todas as áreas relacionadas co desenrolo e aplicación de lamas termais no ámbito do termalismo, a saúde e o benestar. O relatorio inaugural do congreso correu a cargo do experto F. Maraver Izaguirre, director da escola de hidroloxía da Universidade Complutense, que ofreceu un percorrido sobre os antecedentes históricos da utilización dos peloides e a súa situación actual.
O acto de apertura contou coa participación do director da Área de Política de I+D da Universidade, Ángel Rodríguez de Lera, o director xeral de turismo, Rubén Lois, o presidente do Comité Organizador do Congreso e representante da Sociedade Iberoamericana de Peloides, José Luis Legido, o decano da Facultade de Ciencias do Mar, Jesús Souza Troncoso e o tenente alcalde do Concello de Baiona, Manuel Ramón Vilar Márquez.